Libro de estilo

Guiámonos polas directrices, consignas e recomendacións que marca a Academia, mais ao non estar esta dotada de tantos instrumentos lingüísticos como debería, recorremos seguido a gramáticas e manuais de diversa autoría, así como tamén a dicionarios distintos do DRAG, sobre todo o Gran Xerais. Isto non quita para que botemos man, de xeito puntual e só cando consideramos que é viable, de palabras patrimoniais e dialectalismos non oficializados. De feito, a este labor de escolma do descatalogado prestámoslle especial atención.

É de xustiza que aproveitemos estas liñas para pormos de relevo que existen na rede multitude de recursos de gran valor que calquera ten ao seu alcance, todo a un clic. Os nosos tradutores, dende logo, tíranlles proveito. Sen ir máis lonxe, os Recursos útiles listados polos editores da Wikipedia en galego resultan tremendamente interesantes á hora de enfrontar unha tradución (e tamén revisar un documento científico, legal, médico, administrativo etc.).

En vista das reformas (actualizacións) levadas a cabo en 2003 na normativa oficial do galego, existen casos nos que hai dúas ou máis opcións válidas para a escrita dunha palabra. Malia seren todas as opcións perfectamente válidas, nós, para os textos publicados en Hugin e Munin e por unha mera cuestión de uniformidade, optamos polas solucións do tipo ao en detrimento de ó, as terminacións -ble e non -bel, -aría e non -ería, dende e non desde, até e non ata ou ate e Galicia e non Galiza, entre outras.