Libros

A señorita Else

Arthur Schnitzler

Durante a súa ociosa estadía nun hotel de San Martino di Castrozza, Else recibe unha carta da nai na que esta lle roga que faga canto estea na súa man a fin de reunir axiña unha suma de diñeiro coa que saldar unha débeda do pai e evitar así que acabe na cadea. Todo parece indicar que a única saída pasa por un achegamento interesado a un vello coñecido, o señor von Dorsday, quen presumiblemente estaría en disposición de emprestarlles os cartos e eludir a deshonra familiar. Por tal motivo, a moza vese na obriga de se internar nun mundo ruín e malévolo, diametralmente oposto ás súas elucubracións románticas e inxenuas.

Additional Description Ler máis

A señorita Else (1924) é unha das obras máis significativas de Arthur Schnitzler. Toca múltiples temas: a sedución, a inocencia, o papel da muller, o abuso e a clase social, os convencionalismos ou as aspiracións… Como é habitual nas obras do autor austríaco, o texto presenta un feitío de modernidade e de vixencia; entronca á perfección coa chamada novela psicolóxica e serve de denuncia dunha sociedade na que os intereses creados e os réditos de diversa índole priman sobre o plano humanístico e solidario. A obra, asemade un drama turbador e un dardo contra a hipocrisía social, foi moi ben acollida entre o público lector, e supuxo un dos maiores éxitos comerciais na carreira do autor vienés.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-945403-2-5

Arthur Schnitzler
Traducido do alemán por Rosa Marta Gómez Pato
94 páxinas

13,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Unha desolación

Yasmina Reza

Unha desolación (1999), a segunda obra narrativa de Yasmina Reza, contén algúns dos temas recorrentes da autora, como a figura do pai ou a presentación de problemas complexos que convidan á reflexión. Samuel, un xudeu xubilado, misóxino, afeccionado á xardinaxe e melómano, sente o peso da velleira ao tempo que goza da liberdade de expresarse sen finximento. O seu parlamento ten como destinatario fundamental o fillo ausente. Mais a súa mirada póusase tamén en Nancy, a súa segunda muller, na súa refinada filla, no seu neto e mesmo no pobo xudeu.

Additional Description Ler máis

En consonancia coa estrutura discursiva do relato, a autora opta por unha linguaxe directa, por romper a sintaxe e por puntuar de maneira singular. Así, o monólogo insire múltiples variantes que proveñen de voces alleas: a de Marisa Bottona, a amante da mocidade; a do veciño Léo, unha sorte de filósofo contemplativo; ou a alegre de Geneviève, a vella amiga reencontrada… Do mesmo xeito, a súa disposición fragmentaria e reiterativa vén apuntalada pola presenza de motivos recorrentes, introducidos case ao xeito de ladaíñas. Velaí pois o combate verbal e introspectivo que emprende Samuel, un home excéntrico e melancólico, de a cabalo entre o bufón misántropo e o heroe existencial.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-944422-5-4

Yasmina Reza
Traducido do francés por Xavier Senín
100 páxinas

14,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Jude o escuro

Thomas Hardy

Jude o escuro é a última e máis célebre novela de Thomas Hardy. Publicouse inicialmente por entregas na Harper’s New Monthly Magazine e non foi até 1895 cando saíu editada nun volume de seu. Xa revista, xa libro, converteuse nun escándalo –mesmo houbo un bispo, o de Wakefield, que a queimou en público, e basta sinalar que o enxeño da crítica deu en transformala en Jude o obsceno. Esta obra expón os sentimentos e paixóns máis fondos do autor inglés; faino por boca de diversos personaxes, co mozo Jude Fawley como protagonista e fío condutor dunha trama
emocionante e turbulenta. A historia, pioneira na maneira de lles presentar a súa visión da realidade aos lectores –no tocante ao sexo, ao desexo, ao instinto, ao matrimonio ou ás crenzas relixiosas–, ten ademais o engado de se desenvolver na rexión de Wessex, un tan soado coma singular territorio literario.

Additional Description Ler máis

A partir do que en efecto fora un reino anglosaxón previo á invasión normanda, Hardy utilizou este espazo como marco para varias das súas novelas, cuxo marcado acento rural brilla con forza neste libro. «Que dirá a xente do futuro cando volva a vista cara aos costumes bárbaros e as supersticións destes tempos que tivemos a mala sorte de vivir?», sentencia un dos personaxes.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-942005-8-8
CRÍTICA

O Zola do Imperio británico, de Manuel Rodríguez Alonso

Thomas Hardy
Traducido do inglés por María Fe González
504 páxinas

17,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Pescador de Islandia

Pierre Loti

Pescador de Islandia é unha obra datada en 1886 que no momento da súa publicación supuxo un grande éxito para o autor, e que o fixo merecente do Premio Vitet ese mesmo ano. Converteuse deseguida nun libro de culto e coñeceu numerosas edicións. Cun estilo impresionista, a novela evoca a Bretaña e o mundo dos pescadores, cuxas vidas xiran arredor das perigosas campañas da pesca de altura na distante Islandia. En paralelo preséntase unha conmovedora historia de amor de inspiración romántica, que se erixe en obxecto de exploración psicolóxica do complexo mundo dos sentimentos. O autor afonda deste xeito nas dúas vertentes da vida no mar: a do que marcha e a do que queda en terra, sometido a unha interminable espera marcada polo monótono paso dos días.

Additional Description Ler máis

O cambiante clima, o mar e as paisaxes dan pé a bucólicas escenas descritivas, nunha novela de alento clásico que consegue transmitir a dura realidade de Pempoull, unha vila bretoa de pescadores, así como as traxedias da vida.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-941211-8-0
CRÍTICA

Entre o romanticismo e o realismo idealista, de Manuel Rodríguez Alonso

Pierre Loti
Traducido do francés por Xavier Senín
260 páxinas

15,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A besta na xungla

Henry James

A besta na xungla apareceu en 1903 dentro da recompilación intitulada The Better Sort. É un dos escasos textos que James non publicou na prensa ou en revistas. Trátase dunha novela curta que xira ao redor da ambigua relación que xorde tras o reencontro de John Marcher e May Bartram, logo dunha década sen saber nada o un do outro. O seu corte simbolista, e por momentos abstracto, forma parte da estratexia narrativa do autor, que se esmera en mergullar o lector nun labirinto psicolóxico, imprescindible para afondar nos sentimentos máis íntimos e etéreos. «Existe un libro que rexistra as delicadas emocións dun home ao que nada lle ocorre, A besta na xungla, a meta da novela psicolóxica», afirmou Borges desta historia aberta a múltiples lecturas e que invita a encher os espazos de indeterminación.

Additional Description Ler máis

Esta pequena obra mestra aborda as relacións de dependencia —talvez o amor, sublimado e inaprensible; posible reflexo da relación do enigmático e versátil Henry James coa tamén escritora Constance Fenimore Woolson— grazas a unha carga considerable de reflexión, a dous únicos personaxes catalizadores e á suxestiva imaxe da besta, que, acazapada na xungla, asexa.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-941211-9-7

Henry James
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
84 páxinas

12,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Mel de abellón

Torgny Lindgren

Mel de abellón traslada o lector a Västerbotten, no norte de Suecia, onde os irmáns Hadar e Olof viven en senllos fogares, conscientes ambos os dous de que han morrer dun momento a outro. Sucede entón que Hadar artella un plan para aliviar a súa soidade. A outra protagonista do relato, unha muller, queda atrapada pola neve e pasará un tempo cas del. Alén de pasaxes de corte naturalista e doutras que rozan o traxicómico e o macabro, a obra alterna a parodia do discurso relixioso cun relato centrado no transo que vai da enfermidade á morte.

Additional Description Ler máis

A súa estrutura fragmentaria, repetitiva e en ocasións complexa, constitúe un acaído reflexo do illamento, da monotonía e da última etapa nas vidas destes personaxes. Mel de abellón é unha obra fundamental do seu autor, Torgny Lindgren, a cal en 1995 lle reportaría o prestixioso premio August, un galardón que dende 1989 outorga cada ano a Asociación de Editores de Suecia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
136 páxinas
Lingua galega
Colección XX
Traducido do sueco por Marta Dahlgren
978-84-941211-6-6

Torgny Lindgren
Traducido do sueco por Marta Dahlgren
136 páxinas

15,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Pasaia blues

Harkaitz Cano

Esta é unha novela negra e portuaria onde a poboación guipuscoana de Pasaia zumega escurantismo e clandestinidade. Ten a súa lóxica: a acción desenvólvese nos anos noventa, de aí esa atmosfera tan abafante e extrema, zarrapicada a cada canto coas máis diversas referencias cinematográficas e musicais. De aí tamén o acaído da súa estrutura fragmentaria, do seu discurso abrupto e dun conflito tan psicolóxico coma político que funciona como pano de fondo.

Additional Description Ler máis

Dunha banda, Marta e Olatz, as integrantes dun comando que se agocha nun piso de Pasaia, ás que máis tarde se haberá sumar un novo e inesperado membro. Da outra, o errante César Tellería, sempre ao asexo. O resto é violencia, iso si, sutilmente dosificada para un lector atento por Harkaitz Cano, un dos máis prestixiosos escritores contemporáneos das letras vascas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-941211-7-3
CRÍTICA

O blues literario de Harkaitz Cano, de Armando Requeixo
Entre a novela social, a negra e mais a de espías, de Manuel Rodríguez Alonso
Pasaia blues, de Harkaitz Cano, de Ramón Nicolás

Harkaitz Cano
Traducido do éuscaro por Isaac Xubín
204 páxinas

15,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A irmandade da uva

John Fante

A irmandade da uva, igual ca o resto da obra de John Fante, non obtivo de primeiras nin a repercusión nin o éxito que, como cabe imaxinar, o autor italo-americano lle desexaba. Foi décadas máis tarde, grazas ao feito de que Charles Bukowski o amentase como referencia fundamental e dese en demostrar a admiración pola súa obra, cando gañou dunha sentada milleiros de lectores, e esta novela, a última escrita da súa man (antes de morrer publicaría outra que lle ditou á muller por mor da súa cegueira), tornou en texto fundamental para entender a traxectoria de quen adoita ser cualificado como precursor do realismo sucio.

Additional Description Ler máis

Narrada cun estilo directo e escasos enfeites estilísticos, a voz narrativa de Henry Molise, o alter ego de Fante, aborda a súa historia familiar cunha mirada adoito retrospectiva. Deste xeito, o autor trata, máis unha vez, os temas que máis o obsesionaban, coma tal, a pobreza, a incomunicación, os conflitos familiares, o peso abafante do catolicismo ou as dificultades para se facer un nome no mundo das letras. Así mesmo, cómpre non esquecer que a escrita supuña para Fante, en certa maneira, unha válvula de escape, pois malia a pátina de ficción que forzosamente imprimía ás súas creacións, non renuncia á carga autobiográfica que deita no seu personaxe protagonista, isto é, un pai alcólico, a fuxida da casa na mocidade, as penurias e os axustes de contas literarios, a redacción de guións cinematográficos, algunhas das experiencias amorosas e sexuais que viviu ou as súas orixes italianas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-91211-4-2
CRÍTICA

A irmandade da uva, de Armando Requeixo
O pesadelo americano, de Manuel Rodríguez Alonso
Vellos teimudos e borrachos, de César Lorenzo Gil

John Fante
Traducido do inglés por Adrián Estévez
232 páxinas

16,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

O castelo dos Cárpatos

Jules Verne

Jules Verne artella O castelo dos Cárpatos a modo de sátira das crenzas e supersticións populares, o cal non empece que nalgúns andeis o libro apareza catalogado dentro do xénero terror. Secasí, é innegable o toque gótico da historia, inzada de castelos, alxubes, pasadizos ou aparicións. Con todo, o seu durame confórmase tamén cos códigos dos relatos de aventuras e mesmo cos da narración científica para desembocar, na fin de contas, nunha exaltación do racionalismo.

Additional Description Ler máis

Igual ca moitas outras obras do autor francés, o texto orixinal foi publicado por entregas na revista Magasin d’Education et de Récréation. Corría o ano 1892, e dende aquela primeira saída do prelo, a novela non deixou de recoller boas críticas e de ser reeditada, traducida a diversas linguas e adaptada a múltiples formatos, tal como a televisión, o cinema, a banda deseñada ou a ópera. Publicada case cinco anos antes ca o Drácula do escritor irlandés Bram Stoker, o libro de Verne avanza a atmosfera que chegaría a perfilar a Transilvania do imaxinario colectivo, mesmo até os nosos días. Mais, a diferenza da obra mestra de Stoker, o xenio francés coloca nun lugar preponderante a ciencia e a tecnoloxía.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-91211-5-9
CRÍTICA

Cinco anos antes ca o Drácula de Stoker, de Manuel Rodríguez Alonso. Recuperar a Verne, de X. M. Eyré.

Jules Verne
Traducido do francés por Alejandro Tobar
188 páxinas

14,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

O afundimento do Titán

Morgan Robertson

Futilidade ou O afundimento do Titán, pois tal é a denominación dupla desta obra, conta a historia dun buque de pasaxeiros inglés, o Titán, con innúmeros luxos e escasos botes salvavidas, soamente o mínimo estipulado pola lei. Acontece que durante unha travesía no mes de abril o Titán bate contra un iceberg e afunde en augas do Atlántico. A traxedia está servida. As moitas semellanzas entre o ficticio afundimento do Titán e o real naufraxio do Titanic en 1912, catorce anos despois de escrita esta novela, seguen a atraer lectores de todo o mundo.

Additional Description Ler máis

En todo caso, fóra do morbo lóxico que se deriva de tan rechamante coincidencia, resulta que o libro ten unha chea doutras virtudes, como por exemplo a fluidez narrativa coa que está escrita ou mesmo unha segunda historia subxacente na que os protagonistas son os mercados de valores, as aseguradoras, os subornos e en xeral a condición humana fronte ao capital. Trátase pois da meirande obra de Morgan Robertson e, en definitiva, dun texto que paga a pena tamén dende un punto de vista estritamente literario.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-91211-3-5

Morgan Robertson
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
104 páxinas

12,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Maria

Mary Wollstonecraft

Maria, novela publicada de maneira póstuma en 1798, talvez sexa a obra máis radical da súa autora, Mary Wollstonecraft. O texto xira arredor das múltiples inxustizas que debe aturar a muller polo mero feito de selo. Así, a protagonista, Maria, presa no interior dun alxube, vai narrando en primeira persoa as aciagas circunstancias do seu pasado, ateigado de episodios de gran crueldade tal que o rapto da súa filla ou non poucos abusos físicos e psíquicos. O lector saberá en paralelo do seu presente, mais ese relato, que inclúe unha historia sentimental de época transmitida con todo luxo de detalles, dá por desgraza nun texto inacabado, xa que a autora morreu ao pouco de traer ao mundo unha filla.

Additional Description Ler máis

O valor histórico da presente novela é evidente, pois Maria supón un dos primeiros achegamentos na historia do feminismo á cuestión da clase social. Polo demais, a obra contén unha serie de pasaxes autobiográficas que lle engaden novos atractivos. Con todo e iso, o certo é que non se trata dunha lectura sinxela, por ser a expresión de Wollstonecraft a miúdo requintada e sisuda, non sempre fluída, produto talvez de ser ela autodidacta.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XVIII
978-84-91211-2-8

Mary Wollstonecraft
Traducido do inglés por Maª Fe González
180 páxinas

15,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

As valgadas bravas

Raimon Casellas

Casellas botou tres anos concentrado na escritura da súa única novela, As valgadas bravas, que, tras saír de xeito fragmentario na prensa da época, foi publicada nun volume de seu en 1901. Esta obra supón a inauguración do modernismo narrativo nas letras catalás e é tamén a precursora do que se daría en chamar naturalismo rural. En esencia, o texto presenta o enfrontamento de dúas visións, a do home letrado e a da sociedade, que o autor simboliza respectivamente nas figuras por unha banda dun capelán e pola outra dos bravos e primarios habitantes dun recullo de montaña. Con todo e iso, este simbolismo vén alicerzado sobre unha base realista, con lugares e personaxes perfectamente recoñecibles.

Additional Description Ler máis

A modo de envoltorio, aparece a natureza agreste, que contribúe a imposibilitar a adaptación do relixioso á vida rural. Cómpre sinalar por último que o espírito de loita, malia desenganos e derrotas, se erixe como valor fundamental para o autor barcelonés, algo que predicou dende os comezos o propio ideario modernista.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-941211-1-1
CRÍTICA

As valgadas feras: lermos catalán en galego, de Armando Requeixo

Raimon Casellas
Traducido do catalán por Eduard del Castillo Velasco
170 páxinas

14,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A asasina

Alexandros Papadiamandis

Unha pequena illa grega, Skiathos, e unha muller de sesenta anos, Khadula, son os dous piares sobre os que Alexandros Papadiamandis asenta a súa desconcertante novela A asasina, unha obra publicada orixinalmente en 1903 que a día de hoxe é considerada de forma unánime pola crítica unha obra mestra das letras gregas. A novela móstranos unha sociedade pobre, ensumida na penuria, sen esperanzas de ningún tipo, que habita un medio natural hostil, aínda que dunha beleza abraiante, onde, ao igual que na traxedia grega, o asasinato pode chegar a contemplarse como saída inevitable.

Additional Description Ler máis

Esta é, antes que nada, unha novela psicolóxica maxistralmente articulada, que foxe de axuizamentos e afonda na angustia do ser humano ante circunstancias extremas da vida. Trátase, en síntese, dunha obra magna da literatura grega contemporánea que logra conmover e sorprender. Máis dun cento de anos despois de ser escrita, A asasina non perdeu un ápice de vixencia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-91211-0-4
CRÍTICA

A infanticida, de Armando Requeixo
Historia arrepiante, de Manuel Rodríguez Alonso
Obra mestra fóra de categoría, de Xosé Manuel Eyré
A asasina de Papadiamandis, de Ramón Nicolás

Alexandros Papadiamandis
Traducido do grego por Susana Losada e Margarita Olivar
144 páxinas

15,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Elias Portolu

Grazia Deledda

Ademais de Elias Portolu ser unha obra escrita con minuciosidade, romanticismo e un certo aire rexionalista verdadeiramente cativador, Grazia Deledda imprímelles aos seus personaxes protagonistas, Elias e Maddalena, unha complexidade psicolóxica máis que notoria; os conceptos de culpa, modestia e represión física e psíquica, tan propios da relixión católica, a da autora, entrelázanse seguido para, ao cabo, tecer un drama colectivo.

Additional Description Ler máis

A novela propón bastante máis ca unha simple visión mística da vida, onde a relixión sería a balsa de salvación fronte ao exceso pasional. Así, por exemplo, encerra unha lectura sexual oculta que seguro non mencionan aquelas ordes conventuais que a listan como de lectura obrigatoria. Outro punto de interese, por se aínda non fose abondo para espertar a curiosidade do lector, está na visión da Sardeña da época, tan estantía na súa estrutura social.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-9-5
CRÍTICA

Traxedia rural sarda, de Xosé Manuel Eyré
Relixión, espiritualidade e dor, de Manuel Rodríguez Alonso

Grazia Deledda
Traducido do italiano por Isabel Soto
176 páxinas

14,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Un home do pobo

Chinua Achebe

Cunha escrita sobria e irónica, Achebe constrúe unha das novelas máis politicamente abafantes da Literatura. A novela presenta os distintos procesos de intimidación civil e social que é posible exercer, coa maior efectividade, dende os círculos de poder; analiza con frialdade os mecanismos e engrenaxes capaces de sumir un pobo na violencia e corrupción institucional máis repugnante. Faino a través da relación entre dous homes: o xefe Nanga, ministro, e Odili, mestre de escola.

Additional Description Ler máis

Para un lector galegofalante, e consecuentemente bilingüe, hai dous aspectos a maiores que converten a lectura en obrigada: o lingüístico, dado o enorme respecto que Achebe ten polo plurilingüismo; nesta novela o autor alterna pasaxes en inglés e pidgin, que na tradución ao galego precisaron dun esforzo extra por parte da tradutora. E en segundo lugar, o fondo caciquil, onde salvadas as distancias con respecto á violencia física e as características específicas de cada pobo, o certo é que as estruturas de corrupción, hoxe, non son tan diverxentes entre o mundo africano que describe o autor e Galicia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-8-8
CRÍTICA

Galego coma ti, de Mario Regueira
Fillo do pobo, de Armando Requeixo

Chinua Achebe
Traducido do inglés por Begoña R. Outeiro
196 páxinas

16,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Oroonoko

Aphra Behn

Son máis ben escasas as novelas británicas do século XVII que os lectores actuais podemos ler e gozar sen esforzo. Oroonoko (1688) é unha desas poucas excepcións, xa que contén a dose xusta de aventura e descrición e, sobre todo, unha moi interesante denuncia do sistema escravista, pincelada, claro está, cos valores dun colonialismo en pleno apoxeo.

A novela narra a historia dunha tráxica relación amorosa entre escravos, e faino cunha trama lineal estruturada de maneira aglutinante, con trazos de drama teatral, relato e biografía; xa que logo, é relativamente próxima ao estilo literario da novela moderna, de aí que con frecuencia se afirme que se trata dunha das primeiras novelas inglesas modernas. Non cabe dúbida de que ten unha enorme importancia pola súa descrición literaria do «bo salvaxe». Por ese e outros motivos, Oroonoko é unha novela que segue a xerar multitude de estudos, teses e análises en todo tipo de cenáculos literarios.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
104 páxinas
Lingua galega
Colección XVII
Traducido do inglés por Mª Fe Gonzalez
978-84-939647-7-1
CRÍTICA

Príncipes e escravos, de Mario Regueira, na edición impresa de Sermos Galiza.
Exitoso precedente. A primeira novela humanista en inglés, de Francisco Martínez Bouzas
Sobre Oroonoko, de Chus Nogueira
Novela filantrópica, de Manuel Rodríguez Alonso

Aphra Behn
Traducido do inglés por Mª Fe Gonzalez
104 páxinas

12,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Unha vida violenta

Pier Paolo Pasolini

A presenta novela nace da querenza de Pasolini por narrar dende unha óptica neorrealista o estilo de vida da mocidade na periferia romana: o real e cru, o desagradable e inxusto. O autor presenta de xeito descarado e descarnado o día a día do mozo Tommaso Puzzilli e da súa cuadrilla. Ese é o modo que lle permite perfilar e definir a miseria, sexa en forma de fame, de delincuencia, de enfermidade ou de presidio… mais o certo é que canda esta violenta miseria coexiste a posibilidade dun cambio, propiciado en gran medida pola entrega, poida que polo amor.

Additional Description Ler máis

Unha vida violenta é sobre todo unha novela de sentimentos humanos erixida a partir da denuncia das condicións do proletariado tras o remate da Segunda Guerra Mundial. Por así dicilo, isto é Pasolini, o narrador, en estado puro: ideoloxía, contrastes e unha linguaxe sen filtros nin medias tintas, trabada por momentos, que case lle valeron o reputado premio Sterga de 1959, do que quedou finalista; mágoa, aquel ano tamén foi o da obra de Lampedusa Il Gatopardo.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-6-4
CRÍTICA

Da vida neorrealista, de Armando Requeixo
Orfos e humillados do subproletariado, de Francisco Martínez Bouzas
Tradución necesaria, de Manuel Rodríguez Alonso

Pier Paolo Pasolini
Traducido do italiano por Gonzalo Vázquez
400 páxinas

18,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Angel Esquire

Edgar Wallace

O vello e millonario Reale morre sen revelar a combinación da singular caixa forte onde atesoura unha inmensa fortuna; porén, deixa un criptograma de cuxa solución depende o destino final desta. De acordo coa vontade do finado, catros son as persoas autorizadas a resolver o verso xeroglífico. Velaí comeza, para gozo do lector, a competición entre destinatarios, unha carreira non sempre exenta de artimañas que Angel Esquire, membro de Scotland Yard, seguirá moi de preto.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-5-7
CRÍTICA

O Wallace de ‘Angel Esquire’, de Armando Requeixo
Os albores do negro, de Xosé M. Eyré
Un pioneiro da novela policial, de Manuel Rodríguez Alonso
Enigmas e homes duros, de Mario Regueira, na edición impresa de Sermos Galiza

Edgar Wallace
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
176 páxinas

14,75€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Locus Solus

Raymond Roussel

Un destacado científico e inventor, Martial Canterel, alter ego do propio Roussel, recibe a visita dunha serie de colegas e amigos aos que guía durante un demorado paseo pola súa propiedade, o parque Locus Solus. Conforme avanza a xornada o anfitrión amósalles as súas invencións, que espalladas polo xardín a modo de marabillas, presentan uns niveis de complexidade e estrañeza cada vez maiores.

Locus Solus, publicada orixinalmente en 1914, é unha das novelas máis estrañas da literatura universal. Está escrita a partir das técnicas narrativas inventadas por Roussel, onde desempeñan un papel importante os xogos de palabras.

Additional Description Ler máis

O texto, alicerzado sobre repeticións e diversas acumulacións de palabras á maneira das parénteses nos cálculos alxébricos, está considerado unha obra mestra da desestruturación. A voz de Roussel representa a independencia máis absoluta en confrontación co canon literario. Así llo recoñeceron Gide, Giacometti, Perec, Duchamp, Éluard, Breton, Foucault… É difícil falar das vangardas, especialmente do surrealismo, sen destacar a influencia que sobre estas tivo Locus Solus.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-4-0
CRÍTICA

Liber Solus, de Xosé M. Eyré
Un descoñecido de sona, de Manuel Rodríguez Alonso
Un experimento verbo das fronteiras da literatura, de Francisco Martínez Bouzas

Raymond Roussel
Traducido do francés por Isabel Soto e Xavier Senín
296 páxinas

16,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Venecias

Paul Morand

A presente é unha compilación xenial e caótica das lembranzas e vivencias do home e do diplomático ao longo dun percorrido de sesenta anos. Xa octoxenario, a vontade de Morand foi crear coa súa obra un espazo de diálogo consigo mesmo, no marco dunha cidade incomparable.

Additional Description Ler máis

Si, hai recordos –moitos–, mais tamén e sobre todo o autor dá conta dunha época, dun estilo de vida, dunha concepción da arte, dunhas conviccións e dunhas crenzas que hoxe a duras penas se manteñen, ou cando menos non expostas ao ollo público. Venecias é polo tanto unha peza de difícil catalogación, o balance dunha existencia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-3-3
CRÍTICA

Testemuña dun tempo, de Manuel Rodríguez Alonso
Venecias, de Paul Morand, de Ramón Nicolás
En Venecia, con Paul Morand, de Armando Requeixo

Paul Morand
Traducido do francés por Alejandro Tobar
176 páxinas

15,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Cita con Rama

Arthur C. Clarke

O avanzado sistema de detección de asteroides avisa da entrada dun corpo pouco común no Sistema Solar. É Rama, un desconcertante cilindro de dezaseis quilómetros de largo por cincuenta de longo, que avanza a gran velocidade.

Additional Description Ler máis

Reunido o comité de expertos, tómase a decisión de interceptalo. A nave tripulada de vixilancia espacial Endeavour será a encargada de ir ao encontro do visitante. O comandante Norton, un home elegante e comedido, lidera a que será unha expedición inédita na historia da humanidade. Rama abandona o seu letargo de milenios.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-2-6
CRÍTICA

Cita con Arthur C. Clarke, de Armando Requeixo
Dura ciencia ficción, de Francisco Martínez Bouzas
Un clásico da ciencia ficción, de Manuel Rodríguez Alonso

Arthur C. Clarke
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
300 páxinas

17,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

O forasteiro misterioso

Mark Twain

A finais do século XVI, nunha aldea de Austria, tres rapaces baten cun misterioso forasteiro que se presenta como Satanás. Axiña xorde entre os catro un certo vínculo de familiaridade, e os tres aldeáns observan abraiados como o seu novo compañeiro demostra ter capacidade abonda para influír naquilo que se propoña, o cal xera non poucos conflitos. O caos moral é considerable, pero en todo caso unha cousa parece clara: Satanás provoca co seu inaudito comportamento que os rapaces reflexionen sobre a futilidade de canto lle acontece á raza humana.

Additional Description Ler máis

Da man do forasteiro, o mozo protagonista, Theodor Fischer, saberá das atrocidades cometidas polo home ao correr dos séculos: torturas, inxustizas, infamias, crueldades, vilezas, covardías, falsidades… A luz que Satanás deita sobre a historia da humanidade revélaa como un auténtico pesadelo. En boa medida esta obra supón unha análise filosófica, moi ao estilo de Twain, da hipocrisía imperante, sen distinción de épocas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-1-9
CRÍTICA

O demo non é malo, de Manuel Rodríguez Alonso
O demo de Twain, de Armando Requeixo
Última anada de traducións, de Ramón Nicolás

Mark Twain
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
152 páxinas

14,75€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Servizo de Correos

Charles Bukowski

Henry Chinaski, alter ego do autor, é un tipo peculiar que consegue traballo como carteiro do Servizo Postal dos Estados Unidos, máis concretamente nunha estafeta de Los Angeles. Isto representará para el, máis que nada, desventuras, rifas e os berros irados dos seus superiores. Non obstante, Chinaski segue ao seu: o alcohol, as mulleres e mais as visitas ao hipódromo. Entre medias, hai tempo tamén para divorcios, funerais e outros avatares.

Additional Description Ler máis

Cun ton divertido pero deprimente, o autor norteamericano de culto tece nesta obra, Servizo de Correos, a que se cadra é a súa novela máis completa, onde contrasta a sinxeleza e mesmo podería dicirse que simplismo narrativo coa complexa visión que sen dúbida tanto Chinaski como Bukowski teñen das relacións humanas, as cales case sempre resultan en fracaso.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-0-2
CRÍTICA

O primeiro Bukowski, de Manuel Rodríguez Alonso
Charles Bukowski, o gran cínico, de Armando Requeixo
Bukowski e o agochado debaixo da alfombra, de Franciso Martínez Bouzas
Última anada de traducións, de Ramón Nicolás

Charles Bukowski
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
204 páxinas

16,50€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

O soño

Johannes Kepler

O soño é unha obra de ficción escrita en latín en 1608 por Johannes Kepler, malia que só sería publicada de maneira póstuma, en 1634, grazas ao atrevemento de Ludwig Kepler, fillo do autor. O texto, que dá conta detallada tanto dunha fantasiosa xeografía lunar coma da visión que dende alí se ten da Terra, parte dun soño do escritor, no que aparecen unha nai e mais o seu fillo, Fiolxhilde e Duracotus, ambos os dous islandeses, que acceden a eses insólitos coñecementos siderais grazas á mediación dun xenio e a un conxuro máxico realizado por ela, Fiolxhilde. Ben, pois este sinxelo argumento foi usado na vida real polas autoridades para acusar a nai de Kepler, Katharina Guldenmann, de practicar a bruxaría, o cal motivou que fose encarcerada e torturada e obrigou o seu fillo a librar mil batallas para conseguir que saíse da cadea.

Additional Description Ler máis

Trátase dunha obra técnica e non demasiado fluída (cunha historia dentro doutra, e esta dentro doutra; ao modo das bonecas rusas), pois é a escusa da que se valeu Kepler para divulgar os seus postulados científicos e non tanto para se erixir nun literato; este Somnium sive Astronomia lunaris Johannis Kepleri ha de facer con certeza as delicias dos incondicionais da astronomía e, por que non, tamén dos amantes da historia e dos lectores curiosos en xeral. Atesoura, por outra banda, un valor enorme o extenso caderno de notas do propio autor (que triplica a extensión do relato como tal), con pingüe información de absoluta relevancia histórica. Como xa lles sucedera a Plutarco ou a Luciano de Samosata, tamén Kepler foi imbuído polo magnetismo lunar, e, igual ca eles, non dubidou en plasmar sobre o papel a súa fantasía, que hoxe, catro séculos despois, sae publicada nunha coidada tradución ao galego.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-943230-0-3
CRÍTICA E INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

Algunhas claves para ler O soño, documento elaborado por Alfonso Blanco Quintela

Johannes Kepler
Traducido do latín por Alfonso Blanco
154 páxinas

9,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A novela de Violette

Marquesa de Mannoury

Esta historia de sorprendente modernidade, A novela de Violette, combina o relato da iniciación sexual da protagonista cun home cos amores lesbios que descobre coa perversa condesa de Mainfroy, e a posterior relación desta con Florence, unha famosa artista lesbiana, un «sacrificio» que a condesa asume co fin de que Violette poida ter unha carreira teatral. Malia algún que outro erro estrutural relacionado co punto de vista narrativo, poida que o máis rechamante do texto sexa o feito de estar escrito en primeira persoa por unha voz masculina que se comprace na descrición dos actos sexuais sáficos, mais que tamén posúe un fondo coñecemento destas prácticas e do corpo feminino.

Additional Description Ler máis

O título da obra lembra o da novela cortés de aventuras Girart de Nevers ou Roman de la Violette, composto por Gibert de Montreuil contra 1225, cuxo contido nada ten que ver co erotismo, o cal pon de manifesto certo ton irónico que se mostra tamén no tratamento humorístico co que o narrador alude aos clixés propios da literatura erótica. Cabería salientar os diálogos ateigados de exclamacións que reproducen xemidos de pracer, as acendidas epístolas, as referencias á mitoloxía, as precisas descricións do vestiario feminino e das reaccións físicas e psicolóxicas das personaxes e tamén as mencións a obras como Antony (1840) de Dumas, Mademoiselle de Maupin (1891) de Théophile Gautier ou Thérèse philosophe (1748) de Boyer. Considérase que A novela de Violette posúe os trazos que caracterizan a literatura erótica dos séculos XVIII e XIX e abre as portas da que se publicará coa chegada do século XX, converténdose nunha ponte entre ambas as épocas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-9-5

Marquesa de Mannoury
Traducido do francés por Marie Abraira
120 páxinas

8,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A industria do sexo e do peixe empanado

Emmanuel Pierrat

Cansas da precariedade do seu oficio de pescadoras e limita-das por unha sexualidade vilega con escasas alternativas, as xemelgas bretoas Gaëlle e Gwenaëlle, con dezaoito anos acabados de facer, acordan viaxar a París co obxectivo de se internaren nas prácticas sexuais da modernidade. Será Yann, un seu curmán afastado, o que se encargue de lles facer de cicerone polos máis senlleiros antros do vicio, aínda que as expectativas de ambas as irmás non han resultar doadas de satisfacer. Ben lle acaería a esta historia a etiqueta de novela de formación se non fose porque subverte o concepto máis clásico, pois este bou patroneado por mans femininas navega polas augas da Bretaña arquetípica, da pesca, do sexo, da pornografía e das parafilias, na procura de coñecementos empíricos.

Additional Description Ler máis

Fábula e sátira social con truculentos episodios eróticos e un ton que abala entre o cómico e o florido, o relato integra ademais unha visión irónica sobre o sexo e a sociedade, abrindo un conxunto de incisivas suxestións que complican calquera clasificación. A industria do sexo e do peixe empanado non atoparía mellor acubillo ca nesta colección que dispara contra o manido.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-0-2

Emmanuel Pierrat
Traducido do francés por Marie Abraira
136 páxinas

10,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A viaxe a Budapest

Daniel Barredo

Incisiva e polémica, A viaxe a Budapest é unha novela descarnada con pasaxes de excepcional lucidez e outras nas que, con ou sen razón, prima a ofensa. Daniel Barredo, autor e personaxe —o protagonista é ben máis ca un simple alter ego homónimo—, soubo compaxinar a habelencia filolóxica coas mañas e as xergas coloquiais dos códigos netamente masculinos; o resultado é un libro asemade vitalista e ferinte. Trátase dunha obra con dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira delas, as funestas condicións laborais e unha aciaga perspectiva de futuro para a mocidade serán os principais motivos que induzan a Daniel a verter contra a sociedade, tan recoñecible coma podrecida, a súa carraxe.

Additional Description Ler máis

Así, por exemplo, non terá a menor reticencia á hora de facer unha afervoada defensa cargada de argumentos do roubo, da chantaxe ou da humillación. No entanto, contra a metade do libro aparece un claro punto de inflexión; a trama, que até daquela tiña as trazas todas dunha novela negra e neorrealista, envorca en algo ben distinto, en algo que, por raro que soe, linda non só co realismo sucio senón, e sobre todo, coa novela rosa. Na fin de contas, malia os riscos que entraña adxectivar un texto tan singular, si parece haber certos cualificativos cos que podería concordar boa parte do lectorado. Digamos polo tanto que se trata dunha novela turbulenta, controvertida, crúa e, dende logo, irreverente, que non deixará indiferente a ninguén.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-2-6

Daniel Barredo
Traducido do castelán por Alejandro Tobar
124 páxinas

10,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A confesión de Lúcio

Mário de Sá-Carneiro

A confesión de Lúcio (1914) ocupa un lugar de honra na moderna literatura portuguesa. Profundamente subxectiva e lírica, afástase dos modelos realistas e románticos de comezos do século XX, achegándose ás experiencias simbolistas que diluirían as fronteiras entre a prosa e a poesía e a trazos como o sentido estético da vida, o gozo desenfreado dos apetitos sensuais e o tedio existencial. Sá-Carneiro evoca o seus tempos de xuventude no París de 1895, con múltiples referencias ao seu vadiar pola cidade, ao tempo que aborda tres das súas teimas: o suicidio, o amor fóra dos parámetros convencionais e lindeiro coa perversión, e mais a confusa percepción do real, por momentos achegada á loucura. A enigmática caracterización dos personaxes reforza a idea da fragmentación do suxeito, leitmotiv da historia, visible nun conxunto de experiencias próximas ao delirio e ao frenesí sensorial.

Additional Description Ler máis

A obra foi concibida cos códigos da novela fantástica, onde a trama xira arredor dun triángulo amoroso e do seu fatídico desenlace. O narrador, Lúcio Vaz, reafirma dende as páxinas iniciais a súa condición de cronista duns feitos inverosímiles. A confesión de Lúcio é unha obra aberta á interpretación, pois afonda en universos tan ambiguos e enigmáticos como o dandismo a xeito de actitude que repudia o sistema de valores da sociedade burguesa; a androxinia, un sofisticado homoerotismo, se cadra mesmo o travestismo, como reflexo dunha complexa sexualidade.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-4-0

Mário de Sá-Carneiro
Traducido do portugués por Benxamín Constante
112 páxinas

9,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

Micromegas

Voltaire

Micromegas, publicado en 1752 e escrito durante a estadía de Voltaire en Prusia, ademais dun conto filosófico, supón un dos primeiros achegamentos á ciencia ficción dentro da temática das viaxes extraordinarias. Narra a visita á Terra dun ser procedente dun planeta da estrela Sirius, e dun seu compañeiro de Saturno. Comezando polo título, o autor analiza o relativismo das proporcións e deita a idea de que cada ser do universo non é máis ca unha tensión entre o pequeno e o grande. Así, Micromegas é un sabio de espírito crítico movido por unha insaciable curiosidade e pola ambición de comprender de maneira xusta e lúcida a vida. Voltaire agóchase tras o seu personaxe para ciscar as súas críticas contra a relixión e os sistemas social, moral e filosófico, sen esquecer o aspecto científico propio dos enciclopedistas.

Additional Description Ler máis

Así, os dous viaxeiros continuarán a súa ruta interestelar non sen antes deixar na Terra un libro coas páxinas en branco, agasallo que pon de relevo que o home debe evitar a tentación de buscar a verdade absoluta, pois a razón do mundo escapa á intelixencia humana. Malia non ser descubertas de maneira oficial até 1877, Voltaire menciona neste texto as dúas lúas de Marte, o cal foi tido en conta á hora de nomear un dos maiores cráteres de Deimos, o Voltaire. Outro deles, dito sexa de paso, leva o nome doutro grande escritor, Swift.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-1-9

Voltaire
Traducido do francés por Marie Abraira
48 páxinas

6,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…

A lente de diamante

Fitz-James O’Brien

A lente de diamante é unha obra de fantasía cargada de amor pola ciencia; así se explica que, para a súa elaboración, o escritor Fitz-James O’Brien tivese que se documentar a eito, un feito que é posible constatar nas diversas alusións a múltiples personaxes e invencións da época. Para esta historia, o autor atreveuse a especular, dun xeito tan atractivo coma delirante, sobre o descoñecido mundo microscópico e os seres minúsculos que nel habitarían. Fíxoo con sutileza, bosquexando unha trama que avanza con fluidez e gracilidade, mesmo nas pasaxes que na teoría poderían resultar as máis complexas, é dicir, nas de corte psicolóxico.

Additional Description Ler máis

A capacidade, mesmo poética, do autor irlandés para crear atmosferas torna evidente neste longo relato nimbado de inquietude e desconcerto. O lector gozará con este texto pre-cursor da ciencia ficción e do surrealismo, publicado orixi-nalmente pola revista norteamericana The Atlantic Monthly en 1858, e que na actualidade está considerado a obra cumio de O’Brien.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-3-3

Fitz-James O’Brien
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
52 páxinas

6,00€

Loading Updating cart…
Loading Updating cart…
LoadingActualizando…