Catálogo

eSPedición

A presente obra, publicada orixinalmente en éuscaro en 2015, entronca coa chamada literatura de montaña, difuso subxénero que linda e comparte elementos coa literatura de viaxes e tamén coa de exploración. Cabe sinalalo na medida na que no mercado editorial galego apenas existen mostras deste clase de textos. Para a conformación de eSPedición. O poder dunha montaña, Juanra Madariaga, autor vasco de gran prestixio no ámbito da poesía, optou por conxugar crónica e lirismo. A narración en primeira persoa parte dunha travesía cara ao cumio do Shisha Pangma, o SP, a montaña de 8.027 metros de altura no cordal Himalaia; consonte avanza o texto, o protagonista explica a orixe da súa paixón, relata as duras condicións que deben enfrontar os aventureiros e achega multitude de referencias literarias que acompañaron ao longo da historia do montañismo a aqueles que, coma el, algunha vez ousaron coroar as cristas máis altas do planeta.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XXI
978-84-946538-0-3

Juanra Madariaga
Traducido do éuscaro por Isaac Xubín
220 páxinas

16,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Detrás da máscara

Detrás da máscara: o poder dunha muller publicouse por vez primeira en 1866 nas páxinas literarias do semanario de noticias de Boston The Flag of Our Union. Así a todo, non sería até un século máis tarde cando acadase a posición de privilexio que hoxe ten no conxunto da obra de Alcott. En 1975, unha editora independente neoiorquina e experta en Alcott, Madeleine B. Stern, rescatou a obra do esquecemento e propiciou a súa relectura atenta, sobre todo por parte da crítica ligada á teoría feminista; de feito, hoxe está considerada unha das grandes obras do subxénero coñecido como «novela sensacionalista», de enorme popularidade nas décadas de 1860 e 1870 no mundo anglosaxón.

Additional Description Ler máis

A historia segue o devir de Jean Muir, muller independente de grande intelixencia que se revelará como unha peculiar femme fatale. A protagonista chegará para traballar como institutriz da adolescente Bella na mansión dos Conventry, feito do que se servirá a autora (quen por certo asinara a obra, e tamén outras dúas, co pseudónimo A. M. Barnard) para despregar unha serie de temas que lle interesaban: o ascenso social e o sistema de clases e xerarquías, o finximento, os intereses ocultos, a sedución ou a forza da determinación.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-946538-1-0

Louisa May Alcott
Traducido do inglés por Antía Veres Gesto
174 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Thérèse Raquin

Émile Zola

Thérèse Raquin é a terceira novela de Émile Zola, a primeira que responde ás premisas do naturalismo e o seu primeiro éxito nas letras. A historia partiu dun relato publicado en Le Figaro en 1866, posteriormente desenvolvido até se converter nunha novela que apareceu por entregas en 1867 en L'Artiste. Nese mesmo ano apareceu nun volume exento. A segunda edición, de 1868, contén un prefacio explicativo, incluído neste volume, no que autor se defende das críticas que recibiu. A novela amosa na súa concepción a influencia do método científico, a medicina experimental e os inicios da psiquiatría, e pon en escena a psicoloxía duns personaxes dominados polos nervios, as desordes cerebrais e a forza do instinto, desprovistos do libre arbitrio e arrastrados a cada acto da súa vida polas fatalidades da carne. Ao fío da intriga, Zola explora as manobras utilizadas polos dous protagonistas para satisfaceren os seus desexos, a exacerbación das súas ardencias, o peso dos remorsos e as accións cada vez máis temerarias.

Additional Description Ler máis

O autor realiza unha meticulosa disección dos pensamentos da parella formada por Thérèse e Laurent, os cales entran pouco e pouco nunha espiral vertixinosa, arrastrados pola súa desorde orgánica até perderen o control na derradeira escena, dun horrible realismo.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-945403-0-1

Émile Zola
Traducido do francés por Isabel Soto
272 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A viaxe subterránea de Niels Klim

Ludvig Holberg

Ludvig Holberg non quería publicar A viaxe subterránea de Niels Klim: temía as críticas iradas que lle puidesen chegar dende os ambientes académicos de Copenhaguen, como xa lle acontecera coas súas comedias. Ao cabo, consentiu en publicar a novela, a condición de que fose no estranxeiro e baixo pseudónimo; tal aconteceu en 1741. O autor escandinavo deixou escrito que, pola súa pedagoxía, se trataba dunha «novela filosófica». Baseándose na ficción, Holberg quixo compendiar nela a súa filosofía moral e, ao tempo, pretendeu construír un sistema ético proveitoso para o xénero humano. A narración alicérzase na sátira e no humor, trazos que o escritor deprendeu dos clásicos latinos, da commedia dell’arte italiana e das obras de Molière; un bo exemplo disto é o contraste entre os costumes dos seres do mundo subterráneo e os habitantes da superficie.

Additional Description Ler máis

A viaxe subterránea de Niels Klim é, en multitude de aspectos, unha prima carnal de As viaxes de Gulliver (1726) do británico Jonathan Swift. Así mesmo, forma parte do selecto conxunto de obras que inspiraron a ciencia ficción e a fantasía modernas. Cabe sinalar, como curiosidade, que moi probablemente Tolkien se inspirou nesta peza para crear a raza dos ents na súa magna obra O señor dos aneis.

INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

Algunhas claves para ler A viaxe subterránea de Niels Klim, documento elaborado por Alfonso Blanco Quintela
ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-945403-8-7

Ludvig Holberg
Traducido do latín por Alfonso Blanco
308 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

As damas verdes

George Sand

As damas verdes, publicada orixinalmente por entregas no semanario Le Monde illustré entre abril e xuño de 1857, é unha novela curta de gran singularidade dentro da produción literaria de George Sand, unha das meirandes figuras do romanticismo francés, que aquí opta por facer unha aproximación ao xénero fantástico, con evidente ironía. Certo día de maio de 1788, un avogado chamado Just Nivières preséntase, enviado polo seu pai, no castelo da condesa de Ionis por mor dun preito que esta mantén cuns familiares e no que cómpre tomar unha decisión. Pero a atmosfera que alí atopa é ben máis complexa do esperado. Perturbado polas aparicións dunhas misteriosas e lendarias damas, sen saber de certo que responde á realidade e que á fantasía, o mozo, atacado por un incipiente desexo amoroso, deberá facer fronte á situación. Así pois, tras o atractivo veo dun relato fantástico, Sand aproveita para pór de manifesto toda unha serie de preocupacións sociais da época.

Additional Description Ler máis

A presente novela foi moi apreciada por, entre outros, Rosalía de Castro, quen reparou nas enormes similitudes co seu El caballero de las botas azules (1867). Por outra banda, cabe sinalar que a galega consideraba a Sand unha «novelista profunda», ademais dun modelo vital, ideolóxico, intelectual e creativo da muller emancipada e progresista.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-945403-6-3

George Sand
Traducido do francés por Xavier Senín
112 páxinas

13,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O xogo serio

Hjalmar Söderberg

O xogo serio, a derradeira das catro novelas escritas por Hjalmar Söderberg (se cadra a de maior carga autobiográfica e tamén a máis fatalista), publicouse orixinalmente en lingua sueca en 1912. O autor desenvolve a historia de Arvid Stjärnblom, quen vive na dúbida e no dilema permanentes, tanto no eido profesional coma nas súas relacións persoais e amorosas. O amor adquire especial relevo nestas páxinas, abordado dende unha perspectiva psicolóxica, a partir da fonda melancolía que impregna, polo demais, toda a obra de Söderberg. A acción, conducida de maneira maxistral, acontece en Suecia ao longo dos anos finais do século XIX e os primeiros do XX, en escenarios como Estocolmo. Nesta cidade, entre fermosas prazas e co pano de fondo das grandes transformacións xeopolíticas que aconteceron nesa época, transcorre a convulsa vida duns personaxes complexos e a miúdo contraditorios, até o punto de poder afirmar que o lector de hoxe recoñecerá a extrema vixencia de non poucos comportamentos.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-945403-7-0

Hjalmar Söderberg
Traducido do sueco por Marta Dahlgren
300 páxinas

16,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O verán sen homes

Siri Hustvedt

É verán en Minnesota. Mia Fredricksen, profesora universitaria e poeta na cincuentena, debe facer fronte á decisión do seu home, Boris Izcovich, de interromper a relación conxugal que ambos manteñen dende hai trinta anos. O motivo: unha moza coa que el inicia unha aventura amorosa. Así arrinca unha historia que transcende a literatura de xénero e na que xogan un papel fundamental a memoria e a propia identidade. Pero non só: hai tamén reflexións sobre a velleira, sobre os procesos cognitivos, a bioloxía e a neurociencia, a histeria, a catarse, o desexo, a puberdade, a enfermidade... Hustvedt lograr dotar o relato dunha profundidade e dunha exquisitez sorprendentes; resulta en verdade notable a súa capacidade para abordar cuestións de calado, tanto dende unha óptica humanista coma científica, sen recorrer a frases sisudas nin a densos parrafeos. Co máximo respecto para co lector, a autora imprímelle á novela un ton ameno e accesible que, malia ser novelesco, non dista moito do ensaio divulgativo.

Additional Description Ler máis

Escrita en primeira persoa, a obra é íntegra no plano intelectual e tamén no emotivo. Se cadra é por iso, e pola ironía que impregna cada páxina, polo que resulta tan estimulante.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XXI
978-84-945403-4-9

Siri Hustvedt
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
228 páxinas

16,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Colleita vermella

Dashiell Hammett

Colleita vermella publicouse por vez primeira nos Estados Unidos de América en 1929. Trátase dunha obra pioneira do xénero negro, hoxe considerada pola crítica como unha das mellores novelas en lingua inglesa do século XX. Para amantes do hard-boiled, é de lectura inescusable: porque serve de modelo para a multitude de obras pulp que virían despois (non só na literatura senón tamén no cinema); por ser a primeira novela co axente da Continental como protagonista, personaxe insignia –xunto con Sam Spade e o Philip Marlowe de Raymond Chandler– do xénero; por algunhas escenas e diálogos verdadeiramente xeniais: segundo o existencialista galo André Gide, «o último en atrocidade, cinismo e horror»; pola súa complexidade a case calquera nivel: foi lida como enxeñosa alegoría, como apoloxía marxista do sindicato organizado (para o caso, a mafia) e como virulenta comedia negra ao redor do asasinato.

Additional Description Ler máis

A historia arrinca coa chegada dun detective privado á gris cidade de Personville. A cada movemento do protagonista, xorden novas complicacións: verase inmerso en sanguinarios enfrontamentos entre bandas rivais e coñecerá as manobras reprobables realizadas á marxe da lei. Cabe sinalar que a trama se intrica até extremos insospeitados, pero iso non fai senón acentuar o peso literario dunha obra fóra de serie.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-944503-3-2

Dashiel Hammett
Traducido do inglés por Diego Ameixeiras
268 páxinas

16,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A contrafío

Joris-Karl Huysmans

A contrafío (1884) é unha das obras máis orixinais do seu tempo e ocupa un lugar senlleiro na Historia da Literatura. Considerada a biblia do decadentismo, constitúe a crónica do movemento de renovación estética acontecido a finais do século XIX, non só en Francia senón na maioría de países europeos e americanos. No momento da súa publicación, a novela suscitou vivas críticas nos ambientes literarios ortodoxos e conformistas, así como exaltación e entusiasmo por parte da mocidade inconformista e rebelde. Non se trata dunha novela de intriga tradicional, pois J.-K. Huysmans, no seu desexo de innovar, concentra o interese na análise psicolóxica do personaxe central e único, o duque Jean des Esseintes, quen, farto da vida social parisiense, en plena decadencia familiar e persoal, decide illarse nunha mansión rural para dedicarse á contemplación e a se deleitar coa arte.

Additional Description Ler máis

Des Esseintes converteuse nun mito literario, esteticamente sutil e refinado, neurótico, lúcido, rebelde, radical e soñador; mantén unha postura de brutal oposición á mediocridade, á superficialidade e ao conformismo co herdado, outorgándolles á arte e á fantasía un papel destacado. A condición de novela total da obra fai da lectura unha experiencia única, pois por calquera lugar polo que se abra, atópanse reflexións, delirios, sátira, humor negro, ataques ao gusto das multitudes ou desaforados alardes de cinismo.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-944422-9-2
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

Algunhas claves para ler A contrafío, documento elaborado pola editorial

Joris-Karl Huysmans
Traducido do francés por Isabel Soto
322 páxinas

16,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A señorita Else

Arthur Schnitzler

Durante a súa ociosa estadía nun hotel de San Martino di Castrozza, Else recibe unha carta da nai na que esta lle roga que faga canto estea na súa man a fin de reunir axiña unha suma de diñeiro coa que saldar unha débeda do pai e evitar así que acabe na cadea. Todo parece indicar que a única saída pasa por un achegamento interesado a un vello coñecido, o señor von Dorsday, quen presumiblemente estaría en disposición de emprestarlles os cartos e eludir a deshonra familiar. Por tal motivo, a moza vese na obriga de se internar nun mundo ruín e malévolo, diametralmente oposto ás súas elucubracións románticas e inxenuas.

Additional Description Ler máis

A señorita Else (1924) é unha das obras máis significativas de Arthur Schnitzler. Toca múltiples temas: a sedución, a inocencia, o papel da muller, o abuso e a clase social, os convencionalismos ou as aspiracións... Como é habitual nas obras do autor austríaco, o texto presenta un feitío de modernidade e de vixencia; entronca á perfección coa chamada novela psicolóxica e serve de denuncia dunha sociedade na que os intereses creados e os réditos de diversa índole priman sobre o plano humanístico e solidario. A obra, asemade un drama turbador e un dardo contra a hipocrisía social, foi moi ben acollida entre o público lector, e supuxo un dos maiores éxitos comerciais na carreira do autor vienés.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-945403-2-5

Arthur Schnitzler
Traducido do alemán por Rosa Marta Gómez Pato
94 páxinas

13,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Últimas cartas de Jacopo Ortis

Ugo Foscolo

Últimas cartas de Jacopo Ortis, primeira novela epistolar da literatura italiana, partiu de Laura, lettere (1796), unha historia de amor inspirada no suicidio do universitario Girolamo Ortis e no afecto de Foscolo por Isabella Teotochi Albrizzi. Con posterioridade, o autor reelaborou o texto e engadiulle nas sucesivas edicións detalles relacionados coa súa biografía. Para a crítica, a definitiva é a datada en Londres en 1817. O material epistolar preséntase recompilado polo destinatario e suposto editor, Lorenzo Alderani. Jacopo, un mozo burgués inmerso nas loitas políticas do momento, vese obrigado a fuxir de Venecia, e durante a súa estadía nos Euganeos, de camiño ao exilio, escríbelle a Lorenzo longas reflexións sobre o seu descontento pola marcha do país, e confésalle os seus sentimentos por Teresa.

Additional Description Ler máis

As misivas abordan temas diversos —a morte, a paisaxe, a corrupción política, o esquecemento dos heroes nacionais, a natureza humana— e dan conta das contradicións do protagonista. De feito, a tensión da obra émáis psicolóxica ca argumental. Na liña da novela sentimental e dos motivos propios do xénero epistolar —sobre o modelo da Nouvelle Héloïse (1761) e do Werther (1774)—, mais tamén influenciado pola obra de Vittorio Alfieri, este texto conxuga o discurso amoroso co político e identitario. Jacopo só enxerga unha saída: a destrución, reflexo da escisión espiritual típica do código romántico.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-944422-4-7

Ugo Foscolo
Traducido do italiano por Isabel Soto
192 páxinas

15,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Unha desolación

Yasmina Reza

Unha desolación (1999), a segunda obra narrativa de Yasmina Reza, contén algúns dos temas recorrentes da autora, como a figura do pai ou a presentación de problemas complexos que convidan á reflexión. Samuel, un xudeu xubilado, misóxino, afeccionado á xardinaxe e melómano, sente o peso da velleira ao tempo que goza da liberdade de expresarse sen finximento. O seu parlamento ten como destinatario fundamental o fillo ausente. Mais a súa mirada póusase tamén en Nancy, a súa segunda muller, na súa refinada filla, no seu neto e mesmo no pobo xudeu.

Additional Description Ler máis

En consonancia coa estrutura discursiva do relato, a autora opta por unha linguaxe directa, por romper a sintaxe e por puntuar de maneira singular. Así, o monólogo insire múltiples variantes que proveñen de voces alleas: a de Marisa Bottona, a amante da mocidade; a do veciño Léo, unha sorte de filósofo contemplativo; ou a alegre de Geneviève, a vella amiga reencontrada... Do mesmo xeito, a súa disposición fragmentaria e reiterativa vén apuntalada pola presenza de motivos recorrentes, introducidos case ao xeito de ladaíñas. Velaí pois o combate verbal e introspectivo que emprende Samuel, un home excéntrico e melancólico, de a cabalo entre o bufón misántropo e o heroe existencial.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-944422-5-4

Yasmina Reza
Traducido do francés por Xavier Senín
100 páxinas

14,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Mocidade

Joseph Conrad

Esta novela curta, Mocidade, foi publicada orixinalmente en lingua inglesa no ano 1898 na Blackwood's Magazine, e catro anos máis tarde como volume de seu. Inscríbese na chamada narrativa marítima, un xénero que Joseph Conrad apreciaba e dominaba con mestría. Trátase ademais dunha obra até certo punto iniciática na que a historia se estrutura a partir da lembranza dunha viaxe a Oriente que o protagonista, o mariñeiro Charles Marlow (o mesmo Marlow de Lord Jim, Chance ou Corazón da escuridade), rememora para gozo dos seus compañeiros. A partir desa sinxela premisa, o autor aproveita para trasladar á ficción unha vella travesía real súa a Bangkok, a cal supuxo o seu bautismo como aguerrido home de mar.

Additional Description Ler máis

Dáse neste texto unha interesante mestura de aventura e lirismo. Difícil será que non deixe pegada nos lectores o amor pola navegación que destila cada páxina. A melancolía, o realismo e a sensación constante de perigo e ameaza que envolven o barco protagonista do relato, o Judea, farán o resto.

Joseph Conrad
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
66 páxinas

11,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Cando levanten as brétemas

Cando levanten as brétemas é unha das novelas de maior transcendencia da literatura croata contemporánea. No momento da súa publicación en lingua orixinal, no ano 2000, foi moi ben recibida pola crítica e o lectorado. O dito feito permitiulle ao seu autor iniciar unha carreira profesional como escritor, e á obra, espertar o interese internacional e contar con traducións ao alemán e inglés. Trátase dunha narración honesta que, mediante a combinación de diálogos simples e pasaxes descarnadas, reflicte as vivencias de varios personaxes (en especial do protagonista, Jakov Serdar) durante o cruento conflito de Bosnia; Mlakić achega unha visión persoal da contenda, pois escapa dos modelos clásicos da novela bélica para abrazar un ton case autobiográfico.

Additional Description Ler máis

De maneira retrospectiva, coa nebulosa que adoito envolve as lembranzas, dá conta dos sucesos, sensacións e viraxes dos diversos actores que tomaron parte na guerra iniciada tras a disolución de Iugoslavia e que, ao cabo, desembocaría na creación da República de Bosnia e Hercegovina, predecesora do estado moderno homónimo.

Josip Mlakić
Traducido do croata por Jairo Dorado
190 páxinas

16,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

No ceo

Octave Mirbeau

No ceo, a cuarta obra narrativa que Octave Mirbeau asina co seu nome, apareceu nas páxinas de L’Écho de Paris entre setembro de 1892 e maio de 1893, e nunca contou en vida do autor cunha edición en volume independente. Impregnada dun pesimismo aciago —non en van o autor atravesaba daquela unha fonda crise persoal e literaria—, a obra evoca sen concesións o carácter tráxico da condición humana, condenada ao absurdo, á angustia existencial, á soidade e á incomunicación, a través da relación entre os seus dous personaxes principais: Georges, un escritor frustrado, e Lucien, un pintor innovador claramente inspirado en Van Gogh. Moderna e xenuína, a novela amosa a chamada estrutura en abismo —na que os diferentes relatos encaixan uns noutros—, coa introdución de varias voces narrativas, fragmentariedade intencionada e manifesto desprezo das leis da orde lóxica e cronolóxica, mesmo no seu abrupto final.

Additional Description Ler máis

Así mesmo, Mirbeau adopta unha mirada impresionista con tintes simbólicos co obxecto de contrarrestar as convencións fixadas polos escritores naturalistas en canto á obxectividade e ao realismo. Ademais de plasmar a traxedia do creador perfeccionista que loita polos seus ideais e a quen a cretina sociedade condena á frustración, No ceo intérnanos na conciencia atormentada dun pintor absorbido pola súa creación.

Octave Mirbeau
Traducido do francés por Xavier Senín
168 páxinas

13,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Un mapa do lar

Randa Jarrar

Un mapa do lar dá conta, mediante a narración en primeira persoa, das andanzas de Nidali, unha rapaza nada por azar en Boston, froito do complexo casoiro entre un palestino e unha greco-exipcia. A vida da cativa está marcada pola ocupación de Kuwait, escenario ao que se engade o campo de batalla doméstico. Nesta realidade plural, o lar sempre ausente é Palestina, a patria que Nidali albisca a partir dos mapas, das historias e das anécdotas dos avós, e que configura unha identidade arrebatada e marcada pola migración. A voz narrativa medra consonte a protagonista queima as etapas: a inxenuidade dos seus primeiros pasos no Golfo Pérsico, as implicacións de deixar atrás unha vida, co traslado a través de Iraq e Xordania a Exipto, onde cómpre comezar de novo, e a adolescente rebelde, xa en Texas, que pelexa pola súa independencia e a construción dunha identidade de seu fronte ás imposicións dun pai violento que pretende dirixir o seu destino.

Additional Description Ler máis

Alén das particularidades xeográficas e culturais —perceptibles no texto a través da inclusión de termos árabes—, a historia aborda, con humor e ironía, temas universais: as consecuencias da guerra, o espertar da sexualidade, as relacións familiares ou a entrada na madureza.

Randa Jarrar
Traducido do inglés por Moncho Iglesias
288 páxinas

16,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Noutro planeta

Pofiri P. Infántiev

Noutro planeta, escrito en 1896 pero que inicialmente non pasou a censura e só se publicou en 1901, con importantes fragmentos e capítulos enteiros desbotados, relata, como sinala o subtítulo, a historia da vida dos habitantes de Marte. No planeta vermello viven uns seres benevolentes e tecnoloxicamente moi avanzados capaces de espertar o interese de calquera. Infántiev, creador dun rico imaxinario –en varios momentos anticipatorio–, trata nestas páxinas de explicar polo miúdo os costumes marcianos e a súa integradora e xusta vida en sociedade; é evidente que tiña a intención de reproducir o ideal socialista que tantos problemas lle trouxo no persoal. En ocasións, outorgando carta branca á fantasía; outras veces cinguíndose ás leis da Física e á vida real na Terra.

Additional Description Ler máis

É unha verdadeira mágoa que a censura se asañase con esta obra, máis aínda cando ten o valor engadido de ser, xunto coa novela No océano das estrelas (1892) de Anany Lyakide, un dos primeiros textos escritos en lingua rusa cuxa acción sucede en Marte. Ten, claro, moito de divertimento, máis tamén un feixe de virtudes literarias, históricas e mesmo ideolóxicas.

Porfiri P. Infántiev
Traducido do ruso por Irina Yurievna Stepánova Bolshakova
124 páxinas

13,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Un amante fantasma

Vernon Lee

Un pintor do que nunca transcende o nome enfía o relato en primeira persoa. Todo comeza cando este home, mal que ben, acepta a proposta do señor William Oke de pintar senllos retratos da súa dona e del. A tal efecto, o artista trasládase a Okehurst, o casal da familia no condado de Kent. Unha vez alí, a súa indiferenza e desgana mudan pouco e pouco en fascinación –poida que incluso en algo máis–, sobre todo tras coñecer a enigmática señora Oke, quen garda un desconcertante parecido cunha muller do século XVII cuxo retrato se exhibe nunha das paredes da mansión.

Un amante fantasma publicouse por vez primeira en lingua inglesa en 1886. Vernon Lee, nome de pluma de Violet Page, igual ca en moitas outras obras súas, opta por un narrador
masculino, e, tamén coma noutras pezas –especial mención merece a colección de relatos Hautings and Other Fantastic Tales, onde tamén se recolle este mesmo texto baixo o título Oke de Okehurst ou O amante fantasma–, crea unha rica atmosfera sobrenatural, con toques góticos e vitorianos.

Additional Description Ler máis

A obra, de igual maneira ca Un conto de Nadal (1843) de Dickens ou ca a colección Ghost Stories of an Antiquary (1904) de M.R. James, é un exemplo da mellor produción da chamada ghost story inglesa. Trátase dun texto de gran fluidez, ben estruturado e que permite máis lecturas ca a do simple entretemento.

Vernon Lee
Traducido do inglés por Antía Veres Gesto
96 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O xinete do cabalo branco

Theodor Storm

O xinete do cabalo branco, novela curta escrita en lingua alemá por Theodor Storm, veu a luz por vez primeira en 1888 nas páxinas da revista Deutsche Rundschau. O histórico territorio da Frisia setentrional sérvelle ao autor como marco para a reconstrución dunha lenda popular transmitida de xeración en xeración: cóntase que unha figura espectral cabalga sobre as marismas ao lombo da súa montura durante as noites de temporal. Así é como Storm eloxia o que ama, isto é, a paisaxe gris, hostil e fermosa da terra que o veu nacer, onde a natureza se moldea a partir de diques e areallo.

Additional Description Ler máis

Unha obra, pois, con substanciosos elementos de superstición, vangloria, folclore e fantasía, así como un dobre marco narrativo que dá moito xogo; o lector chegará a través do relato do vello mestre á historia de Hauke, quen aló polo século XVII se afanara en loitar contra a natureza para erixir un gran dique que permitise gañarlle unha lingua de terra ao mar. Trátase, en definitiva, dun dos mellores textos literarios do século XIX, e como tal resulta ben difícil de etiquetar; poida que o acaído sexa cualificalo como unha amálgama conmovedora elaborada a partir dos códigos costumistas, dos realistas e mesmo de certas pinceladas do que anos despois daría en chamarse naturalismo.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-943230-3-4

Theodor Storm
Traducido do alemán por Rosa Marta Gómez Pato
136 páxinas

13,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Kallocaína

Karin Boye

Kallocaína, publicada orixinalmente en 1940, é a última e máis importante novela de Karin Boye, unha autora fundamental das letras suecas, tanto na súa faceta de narradora como na de poeta. Trátase dunha novela de ciencia ficción cun evidente carácter distópico. A súa aparición é posterior en oito anos a Un feliz mundo novo, do inglés Aldous Huxley, anterior tamén en oito a 1984, a obra de referencia de George Orwell, e en once a Fahrenheit 451, de Ray Bradbury. Eran tempos de virulencia e totalitarismo, coa Segunda Guerra Mundial de por medio, de aí o marco no que se encadra a acción: un mundo de cidadáns soldado ao servizo do opresor e todopoderoso Estado Mundial.

Additional Description Ler máis

Por outra banda, o texto entronca coa tradición das drogas nootrópicas e psicactivas tan querida por outros grandes escritores do xénero: Philip K. Dick inventou a substancia D; George R. R. Martin, a ledihuana; e Boye, antes ca estes, discorreu a kallocaína, un soro inxectable capaz de garantir a estabilidade mundial en detrimento da autonomía do individuo. En prol dunha maior liberdade interpretativa para o lector, cabe tan só adiantar que a trama xira ao redor das reflexións do científico Leo Kall, un home confuso, desacougado e reflexivo, ao seu pesar.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-943230-4-1

Karin Boye
Traducido do sueco por Marta Dahlgren
188 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A infancia dun xefe

Jean-Paul Sartre

A infancia dun xefe apareceu por vez primeira na compilación intitulada Le Mur (1939). Para desgraza de personaxes tan sinistros coma o pronazi Robert Brasillach, que cualificou a obra de aburrida e malsá, acadou un éxito notable, entre outras razóns pola habilidade indiscutible do autor para plasmar fielmente o ambiente convulso que precedeu ao auxe do
fascismo e moitas das inquietudes do seu tempo. Trátase dunha novela curta de formación, onde o muro ou parede non é físico senón psicolóxico, alzado entre Lucien, o antiheroe protagonista chamado a suceder o seu pai á fronte dunha fábrica, e o mundo que o arrodea. Con estes vimbios, Sartre foi quen de artellar unha suxestiva e inquietante historia de corte psicolóxico na que confronta o colectivo co individual, sempre dende unha perspectiva crítica para cos conservadorismos e as ataduras da época.

Additional Description Ler máis

Non é casual polo tanto que esta senlleira novela de Jean-Paul Sartre recibise un ano despois de publicada o Premio Populista, que dende 1929 recompensa anualmente unha obra francesa de ficción que «prefira xente do común como personaxes e ambientes populares como escenario, e en cuxa trama se perciba unha verdadeira humanidade».

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-943230-1-0
CRÍTICA

A forxa dun fascista, de Manuel Rodríguez Alonso

Jean-Paul Sartre
Traducido do francés por Ánxela Gracián
100 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Historia dunha granxa africana

Olive Schreiner

Historia dunha granxa africana, publicada por vez primeira en lingua inglesa en 1883 e encomiada de maneira recente por Doris Lessing ou Coetzee, é a obra máis coñecida e estudada de Olive Schreiner, unha escritora ineludible das letras de África do Sur. O texto presenta un feitío realista, con pinceladas do tradicionalismo e o racionalismo do século XIX no mundo anglosaxón. A nivel estrutural, é unha novela rica en recursos narratolóxicos —cartas, soños, sermóns, cancións populares, himnos...— e amosa unha solidez que contrasta cun dos seus
temas principais: a fraxilidade dos seres humanos. Por outra banda, cabe sinalar o denso pouso alegórico de certas pasaxes, talvez o meirande empezo para os lectores de hoxe.

Additional Description Ler máis

O escenario da historia é unha granxa bóer na semidesértica rexión do Karoo. É alí onde transcorre a infancia de Em, Lyndall e Waldo, dúas nenas e un neno que medran nun mundo inhóspito e cheo de limitacións por mor da relixión, das duras condicións de vida ou do rol reservado ás mulleres. Non hai polo tanto paisaxes exóticas ou idealizadas nin aventuras extravagantes, senón o desencanto e a mirada crítica —tamén colonial, cómpre non enganarse— sobre un mundo no que rara vez os soños lle gañan a partida á crueldade.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-943230-2-7
CRÍTICA

Historia dunha granxa africana, de Olive Schreiner, de Ramón Nicolás
Entre o realismo e a tese, de Manuel Rodríguez Alonso

Olive Schreiner
Traducido do inglés por Begoña R. Outeiro
364 páxinas

15,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Un matrimonio provinciano

Marquesa Colombi

Un matrimonio provinciano é unha singular novela publicada en lingua italiana por vez primeira en 1885. A obra, escrita con mordaz ironía pola intelixente Marquesa Colombi, unha
das pioneiras do feminismo en Italia, conta a historia en primeira persoa da moza protagonista, Denza Dellara, no decurso de case unha década, o transo que vai da puberdade á madureza, e que culmina coa asimilación dos modos e costumes da época. Denza percibe a súa propia vida como insubstancial e aburrida, o habitual nunha vila de provincias como é o caso da piemontesa Novara. Alí non fai senón matar o tempo —cun medo constante a avellentar— entre elucubracións e fantasías románticas, á espera e á procura dun mozo que teña a ben dicirlle de casaren.

Additional Description Ler máis

A historia é simple, honesta, sen enfeites nin grandes sorpresas; o que en verdade sitúa este texto noutro nivel literario é a capacidade de análise e crítica que a autora demostra, así como a maneira sutil e retranqueira coa que aguilloa unha sociedade apegada aos convencionalismos. Non é casual que en 1973 Italo Calvino rescatase do esquecemento esta sobranceira voz de muller e a incluíse na colección de novelas breves «Centopagine», que publicou entre os anos 1977 e 1985 a editorial torinesa Einaudi.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-942005-7-1
CRÍTICA

Un matrimonio provinciano, da Marquesa Colombi, de Ramón Nicolás.
Un matrimonio provinciano, de Gracia Santorum.
A fabulación do amor romántico, de Montse Pena.

Marquesa Colombi
Traducido do italiano por Isabel Soto
104 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Jude o escuro

Thomas Hardy

Jude o escuro é a última e máis célebre novela de Thomas Hardy. Publicouse inicialmente por entregas na Harper's New Monthly Magazine e non foi até 1895 cando saíu editada nun volume de seu. Xa revista, xa libro, converteuse nun escándalo –mesmo houbo un bispo, o de Wakefield, que a queimou en público, e basta sinalar que o enxeño da crítica deu en transformala en Jude o obsceno. Esta obra expón os sentimentos e paixóns máis fondos do autor inglés; faino por boca de diversos personaxes, co mozo Jude Fawley como protagonista e fío condutor dunha trama
emocionante e turbulenta. A historia, pioneira na maneira de lles presentar a súa visión da realidade aos lectores –no tocante ao sexo, ao desexo, ao instinto, ao matrimonio ou ás crenzas relixiosas–, ten ademais o engado de se desenvolver na rexión de Wessex, un tan soado coma singular territorio literario.

Additional Description Ler máis

A partir do que en efecto fora un reino anglosaxón previo á invasión normanda, Hardy utilizou este espazo como marco para varias das súas novelas, cuxo marcado acento rural brilla con forza neste libro. «Que dirá a xente do futuro cando volva a vista cara aos costumes bárbaros e as supersticións destes tempos que tivemos a mala sorte de vivir?», sentencia un dos personaxes.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-942005-8-8
CRÍTICA

O Zola do Imperio británico, de Manuel Rodríguez Alonso

Thomas Hardy
Traducido do inglés por María Fe González
504 páxinas

17,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

As covas de aceiro

Isaac Asimov

As covas de aceiro é un thriller robótico publicado orixinalmente por entregas na revista Galaxy Science Fiction e editado máis tarde por Doubleday como volume de seu. Trátase da primeira novela da chamada serie dos robots, e seguramente a máis completa. A trama xira arredor da tensa relación entre dúas civilizacións: unha, a dunha Terra superpoboada, cuxos habitantes se amorean en cidades encovadas e se amosan reticentes a calquera aperturismo e sobre todo ás innovacións tecnolóxicas —a decadencia cultural é un tema recorrente ao longo de toda a obra de Asimov. A outra, a dos espacenses (individuos e robots dos Mundos Exteriores), unha sociedade avanzada que, precisamente por tal motivo, é consciente dos retos que entraña o futuro. Tras moito tempo vivindo de costas, será un estraño homicidio o feito que obrigue a ambos os bandos a cooperar, coñecerse e entenderse.

Additional Description Ler máis

O detective terrícola Elijah Baley será o guía que conduza o lector por un dos universos futuristas máis logrados da literatura de ciencia ficción. Cun estilo fluído que permite que a acción avance sen pausa e con escasos requilorios, esta novela atesoura ademais a famosa formulación das leis da robótica e multitude de neoloxismos que a día de hoxe son de uso común.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-942005-5-7
CRÍTICA

Un clásico da ciencia ficción, de Manuel Rodríguez Alonso
O inmenso Asimov, de Armando Requeixo

Isaac Asimov
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
296 páxinas

16,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A Eva futura

Auguste Villiers de L'Isle-Adam

A Eva futura, aparecida en 1886, está considerada unha das obras máis destacadas da literatura simbolista francesa. Nela Villiers converte o científico Edison nun personaxe idealista e sarcástico, en condicións de crear unha muller ideal movida pola electricidade. Polo título e polo discurso técnico, o autor parece vincular a novela co xénero da anticipación científica, asociada daquela a Verne, consideración que influíu de maneira negativa na súa recepción. Estamos, en palabras do autor, perante unha «obra de arte metafísica»; quen espere unha narración lineal cargada de peripecias, ficará decepcionado; porén, nela atopará tópicos decadentistas como o culto á artificialidade, a condena da mentalidade burguesa e o desafío sacrílego ao poder divino, xunto cunha abraiante ramificación temática: o evidente discurso misóxino (fondamente ligado á vida persoal do escritor), o papel da ilusión no amor, os efectos da crenza cega no progreso, ou reflexións sobre a beleza, a filosofía, o cientifismo e o materialismo de finais do século XIX.

Additional Description Ler máis

Mallarmé destacou a súa feroz ironía e recoñeceu o autor como mestre do idealismo, como tamén fixo Huysmans. Atópanse ecos de A Eva futura en creacións tan diversas como o robot feminino de Metropolis (1927) de Fritz Lang, ou na canción «Hadaly» de Radio Futura.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-942005-6-4
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

Algunhas claves para ler A Eva futura, documento elaborado pola editorial

Auguste Villiers de L'Isle-Adam
Traducido do francés por Isabel Soto e Xavier Senín
416 páxinas

15,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Pescador de Islandia

Pierre Loti

Pescador de Islandia é unha obra datada en 1886 que no momento da súa publicación supuxo un grande éxito para o autor, e que o fixo merecente do Premio Vitet ese mesmo ano. Converteuse deseguida nun libro de culto e coñeceu numerosas edicións. Cun estilo impresionista, a novela evoca a Bretaña e o mundo dos pescadores, cuxas vidas xiran arredor das perigosas campañas da pesca de altura na distante Islandia. En paralelo preséntase unha conmovedora historia de amor de inspiración romántica, que se erixe en obxecto de exploración psicolóxica do complexo mundo dos sentimentos. O autor afonda deste xeito nas dúas vertentes da vida no mar: a do que marcha e a do que queda en terra, sometido a unha interminable espera marcada polo monótono paso dos días.

Additional Description Ler máis

O cambiante clima, o mar e as paisaxes dan pé a bucólicas escenas descritivas, nunha novela de alento clásico que consegue transmitir a dura realidade de Pempoull, unha vila bretoa de pescadores, así como as traxedias da vida.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-941211-8-0
CRÍTICA

Entre o romanticismo e o realismo idealista, de Manuel Rodríguez Alonso

Pierre Loti
Traducido do francés por Xavier Senín
260 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A besta na xungla

Henry James

A besta na xungla apareceu en 1903 dentro da recompilación intitulada The Better Sort. É un dos escasos textos que James non publicou na prensa ou en revistas. Trátase dunha novela curta que xira ao redor da ambigua relación que xorde tras o reencontro de John Marcher e May Bartram, logo dunha década sen saber nada o un do outro. O seu corte simbolista, e por momentos abstracto, forma parte da estratexia narrativa do autor, que se esmera en mergullar o lector nun labirinto psicolóxico, imprescindible para afondar nos sentimentos máis íntimos e etéreos. «Existe un libro que rexistra as delicadas emocións dun home ao que nada lle ocorre, A besta na xungla, a meta da novela psicolóxica», afirmou Borges desta historia aberta a múltiples lecturas e que invita a encher os espazos de indeterminación.

Additional Description Ler máis

Esta pequena obra mestra aborda as relacións de dependencia —talvez o amor, sublimado e inaprensible; posible reflexo da relación do enigmático e versátil Henry James coa tamén escritora Constance Fenimore Woolson— grazas a unha carga considerable de reflexión, a dous únicos personaxes catalizadores e á suxestiva imaxe da besta, que, acazapada na xungla, asexa.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-941211-9-7

Henry James
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
84 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Mel de abellón

Torgny Lindgren

Mel de abellón traslada o lector a Västerbotten, no norte de Suecia, onde os irmáns Hadar e Olof viven en senllos fogares, conscientes ambos os dous de que han morrer dun momento a outro. Sucede entón que Hadar artella un plan para aliviar a súa soidade. A outra protagonista do relato, unha muller, queda atrapada pola neve e pasará un tempo cas del. Alén de pasaxes de corte naturalista e doutras que rozan o traxicómico e o macabro, a obra alterna a parodia do discurso relixioso cun relato centrado no transo que vai da enfermidade á morte.

Additional Description Ler máis

A súa estrutura fragmentaria, repetitiva e en ocasións complexa, constitúe un acaído reflexo do illamento, da monotonía e da última etapa nas vidas destes personaxes. Mel de abellón é unha obra fundamental do seu autor, Torgny Lindgren, a cal en 1995 lle reportaría o prestixioso premio August, un galardón que dende 1989 outorga cada ano a Asociación de Editores de Suecia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
136 páxinas
Lingua galega
Colección XX
Traducido do sueco por Marta Dahlgren
978-84-941211-6-6

Torgny Lindgren
Traducido do sueco por Marta Dahlgren
136 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Pasaia blues

Harkaitz Cano

Esta é unha novela negra e portuaria onde a poboación guipuscoana de Pasaia zumega escurantismo e clandestinidade. Ten a súa lóxica: a acción desenvólvese nos anos noventa, de aí esa atmosfera tan abafante e extrema, zarrapicada a cada canto coas máis diversas referencias cinematográficas e musicais. De aí tamén o acaído da súa estrutura fragmentaria, do seu discurso abrupto e dun conflito tan psicolóxico coma político que funciona como pano de fondo.

Additional Description Ler máis

Dunha banda, Marta e Olatz, as integrantes dun comando que se agocha nun piso de Pasaia, ás que máis tarde se haberá sumar un novo e inesperado membro. Da outra, o errante César Tellería, sempre ao asexo. O resto é violencia, iso si, sutilmente dosificada para un lector atento por Harkaitz Cano, un dos máis prestixiosos escritores contemporáneos das letras vascas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-941211-7-3
CRÍTICA

O blues literario de Harkaitz Cano, de Armando Requeixo
Entre a novela social, a negra e mais a de espías, de Manuel Rodríguez Alonso
Pasaia blues, de Harkaitz Cano, de Ramón Nicolás

Harkaitz Cano
Traducido do éuscaro por Isaac Xubín
204 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A irmandade da uva

John Fante

A irmandade da uva, igual ca o resto da obra de John Fante, non obtivo de primeiras nin a repercusión nin o éxito que, como cabe imaxinar, o autor italo-americano lle desexaba. Foi décadas máis tarde, grazas ao feito de que Charles Bukowski o amentase como referencia fundamental e dese en demostrar a admiración pola súa obra, cando gañou dunha sentada milleiros de lectores, e esta novela, a última escrita da súa man (antes de morrer publicaría outra que lle ditou á muller por mor da súa cegueira), tornou en texto fundamental para entender a traxectoria de quen adoita ser cualificado como precursor do realismo sucio.

Additional Description Ler máis

Narrada cun estilo directo e escasos enfeites estilísticos, a voz narrativa de Henry Molise, o alter ego de Fante, aborda a súa historia familiar cunha mirada adoito retrospectiva. Deste xeito, o autor trata, máis unha vez, os temas que máis o obsesionaban, coma tal, a pobreza, a incomunicación, os conflitos familiares, o peso abafante do catolicismo ou as dificultades para se facer un nome no mundo das letras. Así mesmo, cómpre non esquecer que a escrita supuña para Fante, en certa maneira, unha válvula de escape, pois malia a pátina de ficción que forzosamente imprimía ás súas creacións, non renuncia á carga autobiográfica que deita no seu personaxe protagonista, isto é, un pai alcólico, a fuxida da casa na mocidade, as penurias e os axustes de contas literarios, a redacción de guións cinematográficos, algunhas das experiencias amorosas e sexuais que viviu ou as súas orixes italianas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-91211-4-2
CRÍTICA

A irmandade da uva, de Armando Requeixo
O pesadelo americano, de Manuel Rodríguez Alonso
Vellos teimudos e borrachos, de César Lorenzo Gil

John Fante
Traducido do inglés por Adrián Estévez
232 páxinas

16,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O castelo dos Cárpatos

Jules Verne

Jules Verne artella O castelo dos Cárpatos a modo de sátira das crenzas e supersticións populares, o cal non empece que nalgúns andeis o libro apareza catalogado dentro do xénero terror. Secasí, é innegable o toque gótico da historia, inzada de castelos, alxubes, pasadizos ou aparicións. Con todo, o seu durame confórmase tamén cos códigos dos relatos de aventuras e mesmo cos da narración científica para desembocar, na fin de contas, nunha exaltación do racionalismo.

Additional Description Ler máis

Igual ca moitas outras obras do autor francés, o texto orixinal foi publicado por entregas na revista Magasin d'Education et de Récréation. Corría o ano 1892, e dende aquela primeira saída do prelo, a novela non deixou de recoller boas críticas e de ser reeditada, traducida a diversas linguas e adaptada a múltiples formatos, tal como a televisión, o cinema, a banda deseñada ou a ópera. Publicada case cinco anos antes ca o Drácula do escritor irlandés Bram Stoker, o libro de Verne avanza a atmosfera que chegaría a perfilar a Transilvania do imaxinario colectivo, mesmo até os nosos días. Mais, a diferenza da obra mestra de Stoker, o xenio francés coloca nun lugar preponderante a ciencia e a tecnoloxía.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-91211-5-9
CRÍTICA

Cinco anos antes ca o Drácula de Stoker, de Manuel Rodríguez Alonso. Recuperar a Verne, de X. M. Eyré.

Jules Verne
Traducido do francés por Alejandro Tobar
188 páxinas

14,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O afundimento do Titán

Morgan Robertson

Futilidade ou O afundimento do Titán, pois tal é a denominación dupla desta obra, conta a historia dun buque de pasaxeiros inglés, o Titán, con innúmeros luxos e escasos botes salvavidas, soamente o mínimo estipulado pola lei. Acontece que durante unha travesía no mes de abril o Titán bate contra un iceberg e afunde en augas do Atlántico. A traxedia está servida. As moitas semellanzas entre o ficticio afundimento do Titán e o real naufraxio do Titanic en 1912, catorce anos despois de escrita esta novela, seguen a atraer lectores de todo o mundo.

Additional Description Ler máis

En todo caso, fóra do morbo lóxico que se deriva de tan rechamante coincidencia, resulta que o libro ten unha chea doutras virtudes, como por exemplo a fluidez narrativa coa que está escrita ou mesmo unha segunda historia subxacente na que os protagonistas son os mercados de valores, as aseguradoras, os subornos e en xeral a condición humana fronte ao capital. Trátase pois da meirande obra de Morgan Robertson e, en definitiva, dun texto que paga a pena tamén dende un punto de vista estritamente literario.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-91211-3-5

Morgan Robertson
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
104 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Maria

Mary Wollstonecraft

Maria, novela publicada de maneira póstuma en 1798, talvez sexa a obra máis radical da súa autora, Mary Wollstonecraft. O texto xira arredor das múltiples inxustizas que debe aturar a muller polo mero feito de selo. Así, a protagonista, Maria, presa no interior dun alxube, vai narrando en primeira persoa as aciagas circunstancias do seu pasado, ateigado de episodios de gran crueldade tal que o rapto da súa filla ou non poucos abusos físicos e psíquicos. O lector saberá en paralelo do seu presente, mais ese relato, que inclúe unha historia sentimental de época transmitida con todo luxo de detalles, dá por desgraza nun texto inacabado, xa que a autora morreu ao pouco de traer ao mundo unha filla.

Additional Description Ler máis

O valor histórico da presente novela é evidente, pois Maria supón un dos primeiros achegamentos na historia do feminismo á cuestión da clase social. Polo demais, a obra contén unha serie de pasaxes autobiográficas que lle engaden novos atractivos. Con todo e iso, o certo é que non se trata dunha lectura sinxela, por ser a expresión de Wollstonecraft a miúdo requintada e sisuda, non sempre fluída, produto talvez de ser ela autodidacta.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XVIII
978-84-91211-2-8

Mary Wollstonecraft
Traducido do inglés por Maª Fe González
180 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

As valgadas bravas

Raimon Casellas

Casellas botou tres anos concentrado na escritura da súa única novela, As valgadas bravas, que, tras saír de xeito fragmentario na prensa da época, foi publicada nun volume de seu en 1901. Esta obra supón a inauguración do modernismo narrativo nas letras catalás e é tamén a precursora do que se daría en chamar naturalismo rural. En esencia, o texto presenta o enfrontamento de dúas visións, a do home letrado e a da sociedade, que o autor simboliza respectivamente nas figuras por unha banda dun capelán e pola outra dos bravos e primarios habitantes dun recullo de montaña. Con todo e iso, este simbolismo vén alicerzado sobre unha base realista, con lugares e personaxes perfectamente recoñecibles.

Additional Description Ler máis

A modo de envoltorio, aparece a natureza agreste, que contribúe a imposibilitar a adaptación do relixioso á vida rural. Cómpre sinalar por último que o espírito de loita, malia desenganos e derrotas, se erixe como valor fundamental para o autor barcelonés, algo que predicou dende os comezos o propio ideario modernista.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-941211-1-1
CRÍTICA

As valgadas feras: lermos catalán en galego, de Armando Requeixo

Raimon Casellas
Traducido do catalán por Eduard del Castillo Velasco
170 páxinas

14,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A asasina

Alexandros Papadiamandis

Unha pequena illa grega, Skiathos, e unha muller de sesenta anos, Khadula, son os dous piares sobre os que Alexandros Papadiamandis asenta a súa desconcertante novela A asasina, unha obra publicada orixinalmente en 1903 que a día de hoxe é considerada de forma unánime pola crítica unha obra mestra das letras gregas. A novela móstranos unha sociedade pobre, ensumida na penuria, sen esperanzas de ningún tipo, que habita un medio natural hostil, aínda que dunha beleza abraiante, onde, ao igual que na traxedia grega, o asasinato pode chegar a contemplarse como saída inevitable.

Additional Description Ler máis

Esta é, antes que nada, unha novela psicolóxica maxistralmente articulada, que foxe de axuizamentos e afonda na angustia do ser humano ante circunstancias extremas da vida. Trátase, en síntese, dunha obra magna da literatura grega contemporánea que logra conmover e sorprender. Máis dun cento de anos despois de ser escrita, A asasina non perdeu un ápice de vixencia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-91211-0-4
CRÍTICA

A infanticida, de Armando Requeixo
Historia arrepiante, de Manuel Rodríguez Alonso
Obra mestra fóra de categoría, de Xosé Manuel Eyré
A asasina de Papadiamandis, de Ramón Nicolás

Alexandros Papadiamandis
Traducido do grego por Susana Losada e Margarita Olivar
144 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Elias Portolu

Grazia Deledda

Ademais de Elias Portolu ser unha obra escrita con minuciosidade, romanticismo e un certo aire rexionalista verdadeiramente cativador, Grazia Deledda imprímelles aos seus personaxes protagonistas, Elias e Maddalena, unha complexidade psicolóxica máis que notoria; os conceptos de culpa, modestia e represión física e psíquica, tan propios da relixión católica, a da autora, entrelázanse seguido para, ao cabo, tecer un drama colectivo.

Additional Description Ler máis

A novela propón bastante máis ca unha simple visión mística da vida, onde a relixión sería a balsa de salvación fronte ao exceso pasional. Así, por exemplo, encerra unha lectura sexual oculta que seguro non mencionan aquelas ordes conventuais que a listan como de lectura obrigatoria. Outro punto de interese, por se aínda non fose abondo para espertar a curiosidade do lector, está na visión da Sardeña da época, tan estantía na súa estrutura social.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-9-5
CRÍTICA

Traxedia rural sarda, de Xosé Manuel Eyré
Relixión, espiritualidade e dor, de Manuel Rodríguez Alonso

Grazia Deledda
Traducido do italiano por Isabel Soto
176 páxinas

14,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Un home do pobo

Chinua Achebe

Cunha escrita sobria e irónica, Achebe constrúe unha das novelas máis politicamente abafantes da Literatura. A novela presenta os distintos procesos de intimidación civil e social que é posible exercer, coa maior efectividade, dende os círculos de poder; analiza con frialdade os mecanismos e engrenaxes capaces de sumir un pobo na violencia e corrupción institucional máis repugnante. Faino a través da relación entre dous homes: o xefe Nanga, ministro, e Odili, mestre de escola.

Additional Description Ler máis

Para un lector galegofalante, e consecuentemente bilingüe, hai dous aspectos a maiores que converten a lectura en obrigada: o lingüístico, dado o enorme respecto que Achebe ten polo plurilingüismo; nesta novela o autor alterna pasaxes en inglés e pidgin, que na tradución ao galego precisaron dun esforzo extra por parte da tradutora. E en segundo lugar, o fondo caciquil, onde salvadas as distancias con respecto á violencia física e as características específicas de cada pobo, o certo é que as estruturas de corrupción, hoxe, non son tan diverxentes entre o mundo africano que describe o autor e Galicia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-8-8
CRÍTICA

Galego coma ti, de Mario Regueira
Fillo do pobo, de Armando Requeixo

Chinua Achebe
Traducido do inglés por Begoña R. Outeiro
196 páxinas

16,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Oroonoko

Aphra Behn

Son máis ben escasas as novelas británicas do século XVII que os lectores actuais podemos ler e gozar sen esforzo. Oroonoko (1688) é unha desas poucas excepcións, xa que contén a dose xusta de aventura e descrición e, sobre todo, unha moi interesante denuncia do sistema escravista, pincelada, claro está, cos valores dun colonialismo en pleno apoxeo.

A novela narra a historia dunha tráxica relación amorosa entre escravos, e faino cunha trama lineal estruturada de maneira aglutinante, con trazos de drama teatral, relato e biografía; xa que logo, é relativamente próxima ao estilo literario da novela moderna, de aí que con frecuencia se afirme que se trata dunha das primeiras novelas inglesas modernas. Non cabe dúbida de que ten unha enorme importancia pola súa descrición literaria do «bo salvaxe». Por ese e outros motivos, Oroonoko é unha novela que segue a xerar multitude de estudos, teses e análises en todo tipo de cenáculos literarios.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
104 páxinas
Lingua galega
Colección XVII
Traducido do inglés por Mª Fe Gonzalez
978-84-939647-7-1
CRÍTICA

Príncipes e escravos, de Mario Regueira, na edición impresa de Sermos Galiza.
Exitoso precedente. A primeira novela humanista en inglés, de Francisco Martínez Bouzas
Sobre Oroonoko, de Chus Nogueira
Novela filantrópica, de Manuel Rodríguez Alonso

Aphra Behn
Traducido do inglés por Mª Fe Gonzalez
104 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Unha vida violenta

Pier Paolo Pasolini

A presenta novela nace da querenza de Pasolini por narrar dende unha óptica neorrealista o estilo de vida da mocidade na periferia romana: o real e cru, o desagradable e inxusto. O autor presenta de xeito descarado e descarnado o día a día do mozo Tommaso Puzzilli e da súa cuadrilla. Ese é o modo que lle permite perfilar e definir a miseria, sexa en forma de fame, de delincuencia, de enfermidade ou de presidio... mais o certo é que canda esta violenta miseria coexiste a posibilidade dun cambio, propiciado en gran medida pola entrega, poida que polo amor.

Additional Description Ler máis

Unha vida violenta é sobre todo unha novela de sentimentos humanos erixida a partir da denuncia das condicións do proletariado tras o remate da Segunda Guerra Mundial. Por así dicilo, isto é Pasolini, o narrador, en estado puro: ideoloxía, contrastes e unha linguaxe sen filtros nin medias tintas, trabada por momentos, que case lle valeron o reputado premio Sterga de 1959, do que quedou finalista; mágoa, aquel ano tamén foi o da obra de Lampedusa Il Gatopardo.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-6-4
CRÍTICA

Da vida neorrealista, de Armando Requeixo
Orfos e humillados do subproletariado, de Francisco Martínez Bouzas
Tradución necesaria, de Manuel Rodríguez Alonso

Pier Paolo Pasolini
Traducido do italiano por Gonzalo Vázquez
400 páxinas

18,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Angel Esquire

Edgar Wallace

O vello e millonario Reale morre sen revelar a combinación da singular caixa forte onde atesoura unha inmensa fortuna; porén, deixa un criptograma de cuxa solución depende o destino final desta. De acordo coa vontade do finado, catros son as persoas autorizadas a resolver o verso xeroglífico. Velaí comeza, para gozo do lector, a competición entre destinatarios, unha carreira non sempre exenta de artimañas que Angel Esquire, membro de Scotland Yard, seguirá moi de preto.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-5-7
CRÍTICA

O Wallace de ‘Angel Esquire’, de Armando Requeixo
Os albores do negro, de Xosé M. Eyré
Un pioneiro da novela policial, de Manuel Rodríguez Alonso
Enigmas e homes duros, de Mario Regueira, na edición impresa de Sermos Galiza

Edgar Wallace
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
176 páxinas

14,75€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Locus Solus

Raymond Roussel

Un destacado científico e inventor, Martial Canterel, alter ego do propio Roussel, recibe a visita dunha serie de colegas e amigos aos que guía durante un demorado paseo pola súa propiedade, o parque Locus Solus. Conforme avanza a xornada o anfitrión amósalles as súas invencións, que espalladas polo xardín a modo de marabillas, presentan uns niveis de complexidade e estrañeza cada vez maiores.

Locus Solus, publicada orixinalmente en 1914, é unha das novelas máis estrañas da literatura universal. Está escrita a partir das técnicas narrativas inventadas por Roussel, onde desempeñan un papel importante os xogos de palabras.

Additional Description Ler máis

O texto, alicerzado sobre repeticións e diversas acumulacións de palabras á maneira das parénteses nos cálculos alxébricos, está considerado unha obra mestra da desestruturación. A voz de Roussel representa a independencia máis absoluta en confrontación co canon literario. Así llo recoñeceron Gide, Giacometti, Perec, Duchamp, Éluard, Breton, Foucault... É difícil falar das vangardas, especialmente do surrealismo, sen destacar a influencia que sobre estas tivo Locus Solus.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-4-0
CRÍTICA

Liber Solus, de Xosé M. Eyré
Un descoñecido de sona, de Manuel Rodríguez Alonso
Un experimento verbo das fronteiras da literatura, de Francisco Martínez Bouzas

Raymond Roussel
Traducido do francés por Isabel Soto e Xavier Senín
296 páxinas

16,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Venecias

Paul Morand

A presente é unha compilación xenial e caótica das lembranzas e vivencias do home e do diplomático ao longo dun percorrido de sesenta anos. Xa octoxenario, a vontade de Morand foi crear coa súa obra un espazo de diálogo consigo mesmo, no marco dunha cidade incomparable.

Additional Description Ler máis

Si, hai recordos –moitos–, mais tamén e sobre todo o autor dá conta dunha época, dun estilo de vida, dunha concepción da arte, dunhas conviccións e dunhas crenzas que hoxe a duras penas se manteñen, ou cando menos non expostas ao ollo público. Venecias é polo tanto unha peza de difícil catalogación, o balance dunha existencia.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-3-3
CRÍTICA

Testemuña dun tempo, de Manuel Rodríguez Alonso
Venecias, de Paul Morand, de Ramón Nicolás
En Venecia, con Paul Morand, de Armando Requeixo

Paul Morand
Traducido do francés por Alejandro Tobar
176 páxinas

15,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Cita con Rama

Arthur C. Clarke

O avanzado sistema de detección de asteroides avisa da entrada dun corpo pouco común no Sistema Solar. É Rama, un desconcertante cilindro de dezaseis quilómetros de largo por cincuenta de longo, que avanza a gran velocidade.

Additional Description Ler máis

Reunido o comité de expertos, tómase a decisión de interceptalo. A nave tripulada de vixilancia espacial Endeavour será a encargada de ir ao encontro do visitante. O comandante Norton, un home elegante e comedido, lidera a que será unha expedición inédita na historia da humanidade. Rama abandona o seu letargo de milenios.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-2-6
CRÍTICA

Cita con Arthur C. Clarke, de Armando Requeixo
Dura ciencia ficción, de Francisco Martínez Bouzas
Un clásico da ciencia ficción, de Manuel Rodríguez Alonso

Arthur C. Clarke
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
300 páxinas

17,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O forasteiro misterioso

Mark Twain

A finais do século XVI, nunha aldea de Austria, tres rapaces baten cun misterioso forasteiro que se presenta como Satanás. Axiña xorde entre os catro un certo vínculo de familiaridade, e os tres aldeáns observan abraiados como o seu novo compañeiro demostra ter capacidade abonda para influír naquilo que se propoña, o cal xera non poucos conflitos. O caos moral é considerable, pero en todo caso unha cousa parece clara: Satanás provoca co seu inaudito comportamento que os rapaces reflexionen sobre a futilidade de canto lle acontece á raza humana.

Additional Description Ler máis

Da man do forasteiro, o mozo protagonista, Theodor Fischer, saberá das atrocidades cometidas polo home ao correr dos séculos: torturas, inxustizas, infamias, crueldades, vilezas, covardías, falsidades... A luz que Satanás deita sobre a historia da humanidade revélaa como un auténtico pesadelo. En boa medida esta obra supón unha análise filosófica, moi ao estilo de Twain, da hipocrisía imperante, sen distinción de épocas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-1-9
CRÍTICA

O demo non é malo, de Manuel Rodríguez Alonso
O demo de Twain, de Armando Requeixo
Última anada de traducións, de Ramón Nicolás

Mark Twain
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
152 páxinas

14,75€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Servizo de Correos

Charles Bukowski

Henry Chinaski, alter ego do autor, é un tipo peculiar que consegue traballo como carteiro do Servizo Postal dos Estados Unidos, máis concretamente nunha estafeta de Los Angeles. Isto representará para el, máis que nada, desventuras, rifas e os berros irados dos seus superiores. Non obstante, Chinaski segue ao seu: o alcohol, as mulleres e mais as visitas ao hipódromo. Entre medias, hai tempo tamén para divorcios, funerais e outros avatares.

Additional Description Ler máis

Cun ton divertido pero deprimente, o autor norteamericano de culto tece nesta obra, Servizo de Correos, a que se cadra é a súa novela máis completa, onde contrasta a sinxeleza e mesmo podería dicirse que simplismo narrativo coa complexa visión que sen dúbida tanto Chinaski como Bukowski teñen das relacións humanas, as cales case sempre resultan en fracaso.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XX
978-84-939647-0-2
CRÍTICA

O primeiro Bukowski, de Manuel Rodríguez Alonso
Charles Bukowski, o gran cínico, de Armando Requeixo
Bukowski e o agochado debaixo da alfombra, de Franciso Martínez Bouzas
Última anada de traducións, de Ramón Nicolás

Charles Bukowski
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
204 páxinas

16,50€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...
LoadingActualizando...

O nariz dun notario

Edmond About ofrece nesta novela curta, publicada en 1862 con grande éxito, un acedo retrato da sociedade de mediados do século XIX, marcada pola desigualdade entre as clases populares e unha burguesía só preocupada polo seu aspecto e as relacións sociais, carente de escrúpulos para lograr os seus fins, por disparatados que sexan. Ademais, a obra contén un curioso tratado sobre a cirurxía facial ateigado de especulacións médicas expostas nun ton que se achega por veces á caricatura. O nariz dun notario narra a historia de Alfred L’Ambert, un desdeñoso e fatuo notario parisiense que só se interesa por alternar na Ópera e nas festas da boa sociedade. O home vese envolto nun duelo co turco Ayvaz-Bey, secretario da embaixada otomá na capital francesa, por mor dunha bailarina, a señorita Tompain, pretendida por ambos os dous. O infortunio ocasiona que L’Ambert perda parte do seu nariz e que lle acontezan numerosas vicisitudes para recuperar a integridade do seu prezado rostro. O notario non dubida en mercar a pel e o tempo de Romagné, un mozo auvernés co cal vivir non poucos desgustos e ao que verá unida a súa sorte.

Esta parábola, artellada dende o rexistro irónico e un humor que se achega por veces ao absurdo, ademais de garantir unha lectura entretida, suscita a reflexión sobre a confrontación entre clases sociais, os prexuízos vixentes no século XIX e as situacións hilarantes ás que conduce a falta de escrúpulos.

Additional Description Ler máis

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-945403-9-4

Edmond About
Traducido do francés por Marie Abraira
116 páxinas

8,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O caderno vermello

Benjamin Constant

O caderno vermello tomou o seu título, por decisión da súa parente, a baronesa Charlotte de Constant, da cor das tapas do caderno no que Benjamin Constant escribiu este relato, malia que el escollera o máis clásico Ma vie. Foi ela así mesmo quen o editou por vez primeira en 1907, ano no que apareceu tamén na Revue des Deux Mondes. Como se precisa nunha das pasaxes do texto, Constant escribiuno aos corenta e catro anos, e nel céntrase nos seus primeiros vinte anos de vida, de 1767 a 1787, aínda que máis da metade está dedicado a este último ano, cando se interrompe de xeito abrupto. A instancias do pai, Constant vai entrar ao servizo do duque de Brunsvic, aceptando así un estado na sociedade e o sometemento á autoridade paterna e deixando atrás a falla de compromiso propia da mocidade.

Additional Description Ler máis

Aínda que existe a tentación de facer unha lectura biográfica, este relato, celebrado por persoeiros tan diversos como Italo Calvino, Jules Michelet ou Jean Jaurès, inscríbese de maneira voluntaria na tradición literaria, emparentando non sen ironía con motivos da picaresca e a novela de formación. Deste xeito, a través da figura deste mozo impulsivo e intrigante, adorado por uns e odiado por outros, vanse enfiando barrabasadas xuvenís e sucesos xocosos e traxicómicos, unindo á aceda axilidade dos contos de Voltaire ou da Viaxe sentimental de Sterne, a ironía constante e a lucidez á hora de observar o comportamento humano e as súas contradicións.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-945403-5-6

Benjamin Constant
Traducido do francés por Marie Abraira
80 páxinas

8,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A casa e o cerebro

Edward Bulwer-Lytton

Esta curiosa peza da literatura inglesa consta de dúas partes claramente diferenciadas: a primeira e maior adopta o formato clásico das historias de casas encantadas, é dicir, por circunstancias azarosas chega a oídos do protagonista que existe unha casa en Londres na que ninguén logrou pasar máis de tres noites. Entón, movido pola curiosidade, postúlase como inquilino, coa única compañía do seu criado e mais do seu querido bull terrier. A orixe do fenómeno debe ser desentrañada. Nesa pescuda do sobrenatural irán aparecendo pouco e pouco conceptos tales como o mesmerismo, a inmortalidade ou a vontade humana, que serán abordados dende unha óptica ocultista na segunda parte, onde o ton da narración e o interese da trama mudan de forma radical.

Additional Description Ler máis

Como ben sinala H. P. Lovecraft no seu ensaio
Supernatural Horror in Literature
(1927), «é innegable o talento de Bulwer-Lytton á hora de conformar un certo e estraño encanto», talento que lle permitiu facer de A casa e o cerebro «un dos mellores relatos sobre casas encantadas».

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-944422-8-5

Edward Bulwer-Lytton
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
76 páxinas

8,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Fosca

Igino Ugo Tarchetti

Fosca, asinada por Igino Ugo Tarchetti aínda que concluída por Salvatore Farina, editouse por entregas en Il Pungolo en 1869, ano no que tamén foi recollida en volume exento.
Tarchetti foi o primeiro escritor italiano en utilizar un caso de histeria como centro para unha novela; Fosca naceu tras a experiencia dun dobre amor que el mesmo vivira. En 1863, en Varese, mantivo unha relación sentimental con Carlotta Ponti, e en 1865 coñeceu en Parma unha parente dun superior seu (Carolina ou Angiolina), enferma de histeria e epilepsia e a piques de morrer que, malia non ser en absoluto agraciada, suscitou nel unha grande atracción. O protagonista, Giorgio, narra en primeira persoa as súas experiencias amorosas, que se remontan cinco anos atrás, con dúas mulleres: Clara, a dama fermosa e serena, coa que vive unha relación feliz e pracenteira; e Fosca, unha muller fea, histérica e cunha sensibilidade enfermiza.

Additional Description Ler máis

A novela une dous planos: o interese pola análise dun caso patolóxico, seguindo o ronsel da novela naturalista; e a estrutura simbólica, polos camiños do horror, o oculto e o escuro. Deste xeito, o tema do amor está presente na novela consonte dous modelos contrapostos: o romántico, co adulterio que entra en conflito coas regras sociais; e o típico da Scapigliatura, o amor visto nos seus aspectos morbosos, patolóxicos e asociado á enfermidade e á morte. A novela, a máis importante do autor, inaugurou en 1971 a colección «Centopagine» dirixida por Italo Calvino, quen afirmou: «Fosca é unha personaxe entre liberty e dannunziana anticipada polo menos vinte anos nun mundo que non é o seu».

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XIX
978-84-944422-6-1

Igino Ugo Tarchetti
Traducido do italiano por Isabel Soto
280 páxinas

12,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Nova Atlántida

Francis Bacon

Nova Atlántida é un opúsculo escrito por Francis Bacon e publicado en 1627 na versión inglesa e en 1638 na versión latina (lingua de partida para a presente tradución), a definitiva en tanto que reelaborada polo propio Bacon coa axuda do seu capelán e editor, William Rawley. Trátase dun relato de corte utópico e filosófico que, con recoñecida fluidez e destreza narrativa, describe unha terra mítica a raíz dun feito simple: a arribada casual dun navío europeo. Tal é o punto de partida para que o autor inglés presente unha sociedade humana rexida por sabios e configurada dun xeito perfecto, motivo de dita para os seus membros. A obra segue, pois, a liña de novelas como Utopía (1516), de Thomas More, ou Civitas Solis (1602), de Tommaso Campanella.

Additional Description Ler máis

A narración en primeira persoa escollida por Bacon axuda ademais a que o lector se interese por unha ficción que en gran medida supón unha escolma filosófica das ideas do británico e mesmo unha xustificación da súa propia vida. A equidade, a corrupción ou a vida conxugal son só algunhas das cuestións abordadas en Nova Atlántida que ben merecen unha lectura atenta.

INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

Algunhas claves para ler Nova Atlántida, documento elaborado por Alfonso Blanco Quintela
ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Colección XVII
978-84-944422-7-8

Francis Bacon
Traducido do latín por Alfonso Blanco
76 páxinas

8,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A terra paterna

Patrice Lacombe

A primeira edición de A terra paterna apareceu no Album littéraire et musical de la Revue canadienne en febreiro de 1846, e en 1848 no Répertoire national de James Huston, unha antoloxía da literatura canadense da época. Posteriormente coñeceu máis de once edicións. Con este relato Lacombe funda o xénero literario da novela rexionalista, centrada na vida do rural canadense, que dominou a literatura en lingua francesa no Bas-Canada (o Quebec anterior á confederación de 1867) de 1846 a 1945, cando foi substituído polas novelas urbanas.

Additional Description Ler máis

A finalidade destes textos era promover a vida campesiña e a agricultura no medio da crecente industrialización. Tanto o estamento clerical coma o Estado alentaban este tipo de literatura coa esperanza de frear o éxodo rural dos canadenses franceses a Montreal para traballar nas fábricas téxtiles da Nouvelle-Angleterre. As novelas rexionais adoitan propor catro grandes valores: a terra (agricultura), a familia, a lingua e a relixión; e caracterízanse pola idealización. Este tipo de narración céntrase na continuidade, as tradicións e a transmisión de valores.

Patrice Lacombe
Traducido do francés por Marie Abraira
68 páxinas

6,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O doutor Héraclius Gloss

Guy de Maupassant

O doutor Héraclius Gloss é unha novela curta que se publicou por entregas en La Revue de Paris entre novembro e decembro de 1921, é dicir, case trinta anos despois do pasamento do seu autor, Guy de Maupassant, quen a escribira con toda seguridade na súa primeira etapa, moi probablemente nos derradeiros meses de 1875. Trátase dun texto intelixente e burleiro cun fondo satírico tremendamente atractivo. A trama desenvólvese dunha maneira lineal a partir da estrafalaria figura do doutor Héraclius Gloss, cuxa incursión no engaiolante mundo da metempsicose provocará nel, cando menos, un cambio de rumbo, talvez un desbordamento. Entre medias, o lector saberá dunha alma humana migrada ao corpo dun mono, dun manuscrito que sementa a discordia entre dous sabios, das risas non disimuladas dunha veciñanza un tanto cruel, do amancebamento de Héraclius ou mesmo do seu vexetarianismo, non sempre doado de respectar.

Additional Description Ler máis

O xenio e a mordacidade de Maupassant acadan nesta pequena obra cotas nada desprezables. Non en van, o autor está considerado unha das grandes plumas da narrativa breve.

Guy de Maupassant
Traducido do francés por Marie Abraira
100 páxinas

9,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O asasinato da Pont-Rouge

Charles Barbara

O asasinato da Pont-Rouge publicouse en francés en 1855, primeiro como folletín na Revue de Paris e posteriormente en libro. O texto sitúase nas orixes dun xénero aínda por definir: a novela policial. Barbara, admirador de Edgar Allan Poe e moi amigo de Charles Baudelaire, pode ser considerado como un verdadeiro precursor do xénero: pon en escena un misterioso homicidio e achega unha moderna reflexión sobre o crime inexpiable. A novela foi levada ao teatro como melodrama en cinco actos e representouse por vez primeira no Théâtre de la Gaîté o 29 de maio de 1858. Malia a intención filosófico-relixiosa e o fondo moralizador do relato, ten o mérito de reflectir unha época.

Additional Description Ler máis

A acción desenvólvese en París, onde dous novos artistas bohemios conversan sobre a arte e a vida. Rodolphe –sen dúbida un aceno irónico ao protagonista principal das Scènes de la vie de bohème, de Murger– cóntalle ao seu amigo Maximilien Destroy que a súa veciña, a señora Henriette Thillard, unha nova, arruinada e distinguida viúva pola que se sente atraído, era a dona dun sospeitoso axente de cambio que frecuentaba prostitutas e que fuxiu cos cartos do seu traballo para máis tarde aparecer morto nas augas do Sena, sen que se atopase o diñeiro desaparecido. Tras este enigma inicial, a casualidade irrompe na novela, pois Max atópase con Clément, un vello amigo que na aparencia deixou atrás a miseria na que o coñecera e que casou con Rosalie, a rapaza coa que vivía. Max e Clément retoman entón a súa amizade, o cal levará a este último a unha serie de paulatinas confidencias que concluirán cunha sorprendente confesión.

Charles Barbara
Traducido do francés por Marie Abraira
144 páxinas

10,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

O soño

Johannes Kepler

O soño é unha obra de ficción escrita en latín en 1608 por Johannes Kepler, malia que só sería publicada de maneira póstuma, en 1634, grazas ao atrevemento de Ludwig Kepler, fillo do autor. O texto, que dá conta detallada tanto dunha fantasiosa xeografía lunar coma da visión que dende alí se ten da Terra, parte dun soño do escritor, no que aparecen unha nai e mais o seu fillo, Fiolxhilde e Duracotus, ambos os dous islandeses, que acceden a eses insólitos coñecementos siderais grazas á mediación dun xenio e a un conxuro máxico realizado por ela, Fiolxhilde. Ben, pois este sinxelo argumento foi usado na vida real polas autoridades para acusar a nai de Kepler, Katharina Guldenmann, de practicar a bruxaría, o cal motivou que fose encarcerada e torturada e obrigou o seu fillo a librar mil batallas para conseguir que saíse da cadea.

Additional Description Ler máis

Trátase dunha obra técnica e non demasiado fluída (cunha historia dentro doutra, e esta dentro doutra; ao modo das bonecas rusas), pois é a escusa da que se valeu Kepler para divulgar os seus postulados científicos e non tanto para se erixir nun literato; este Somnium sive Astronomia lunaris Johannis Kepleri ha de facer con certeza as delicias dos incondicionais da astronomía e, por que non, tamén dos amantes da historia e dos lectores curiosos en xeral. Atesoura, por outra banda, un valor enorme o extenso caderno de notas do propio autor (que triplica a extensión do relato como tal), con pingüe información de absoluta relevancia histórica. Como xa lles sucedera a Plutarco ou a Luciano de Samosata, tamén Kepler foi imbuído polo magnetismo lunar, e, igual ca eles, non dubidou en plasmar sobre o papel a súa fantasía, que hoxe, catro séculos despois, sae publicada nunha coidada tradución ao galego.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-943230-0-3
CRÍTICA E INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA

Algunhas claves para ler O soño, documento elaborado por Alfonso Blanco Quintela

Johannes Kepler
Traducido do latín por Alfonso Blanco
154 páxinas

9,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A novela de Violette

Marquesa de Mannoury

Esta historia de sorprendente modernidade, A novela de Violette, combina o relato da iniciación sexual da protagonista cun home cos amores lesbios que descobre coa perversa condesa de Mainfroy, e a posterior relación desta con Florence, unha famosa artista lesbiana, un «sacrificio» que a condesa asume co fin de que Violette poida ter unha carreira teatral. Malia algún que outro erro estrutural relacionado co punto de vista narrativo, poida que o máis rechamante do texto sexa o feito de estar escrito en primeira persoa por unha voz masculina que se comprace na descrición dos actos sexuais sáficos, mais que tamén posúe un fondo coñecemento destas prácticas e do corpo feminino.

Additional Description Ler máis

O título da obra lembra o da novela cortés de aventuras Girart de Nevers ou Roman de la Violette, composto por Gibert de Montreuil contra 1225, cuxo contido nada ten que ver co erotismo, o cal pon de manifesto certo ton irónico que se mostra tamén no tratamento humorístico co que o narrador alude aos clixés propios da literatura erótica. Cabería salientar os diálogos ateigados de exclamacións que reproducen xemidos de pracer, as acendidas epístolas, as referencias á mitoloxía, as precisas descricións do vestiario feminino e das reaccións físicas e psicolóxicas das personaxes e tamén as mencións a obras como Antony (1840) de Dumas, Mademoiselle de Maupin (1891) de Théophile Gautier ou Thérèse philosophe (1748) de Boyer. Considérase que A novela de Violette posúe os trazos que caracterizan a literatura erótica dos séculos XVIII e XIX e abre as portas da que se publicará coa chegada do século XX, converténdose nunha ponte entre ambas as épocas.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-9-5

Marquesa de Mannoury
Traducido do francés por Marie Abraira
120 páxinas

8,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A industria do sexo e do peixe empanado

Emmanuel Pierrat

Cansas da precariedade do seu oficio de pescadoras e limita-das por unha sexualidade vilega con escasas alternativas, as xemelgas bretoas Gaëlle e Gwenaëlle, con dezaoito anos acabados de facer, acordan viaxar a París co obxectivo de se internaren nas prácticas sexuais da modernidade. Será Yann, un seu curmán afastado, o que se encargue de lles facer de cicerone polos máis senlleiros antros do vicio, aínda que as expectativas de ambas as irmás non han resultar doadas de satisfacer. Ben lle acaería a esta historia a etiqueta de novela de formación se non fose porque subverte o concepto máis clásico, pois este bou patroneado por mans femininas navega polas augas da Bretaña arquetípica, da pesca, do sexo, da pornografía e das parafilias, na procura de coñecementos empíricos.

Additional Description Ler máis

Fábula e sátira social con truculentos episodios eróticos e un ton que abala entre o cómico e o florido, o relato integra ademais unha visión irónica sobre o sexo e a sociedade, abrindo un conxunto de incisivas suxestións que complican calquera clasificación. A industria do sexo e do peixe empanado non atoparía mellor acubillo ca nesta colección que dispara contra o manido.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-0-2

Emmanuel Pierrat
Traducido do francés por Marie Abraira
136 páxinas

10,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A viaxe a Budapest

Daniel Barredo

Incisiva e polémica, A viaxe a Budapest é unha novela descarnada con pasaxes de excepcional lucidez e outras nas que, con ou sen razón, prima a ofensa. Daniel Barredo, autor e personaxe —o protagonista é ben máis ca un simple alter ego homónimo—, soubo compaxinar a habelencia filolóxica coas mañas e as xergas coloquiais dos códigos netamente masculinos; o resultado é un libro asemade vitalista e ferinte. Trátase dunha obra con dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira delas, as funestas condicións laborais e unha aciaga perspectiva de futuro para a mocidade serán os principais motivos que induzan a Daniel a verter contra a sociedade, tan recoñecible coma podrecida, a súa carraxe.

Additional Description Ler máis

Así, por exemplo, non terá a menor reticencia á hora de facer unha afervoada defensa cargada de argumentos do roubo, da chantaxe ou da humillación. No entanto, contra a metade do libro aparece un claro punto de inflexión; a trama, que até daquela tiña as trazas todas dunha novela negra e neorrealista, envorca en algo ben distinto, en algo que, por raro que soe, linda non só co realismo sucio senón, e sobre todo, coa novela rosa. Na fin de contas, malia os riscos que entraña adxectivar un texto tan singular, si parece haber certos cualificativos cos que podería concordar boa parte do lectorado. Digamos polo tanto que se trata dunha novela turbulenta, controvertida, crúa e, dende logo, irreverente, que non deixará indiferente a ninguén.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-2-6

Daniel Barredo
Traducido do castelán por Alejandro Tobar
124 páxinas

10,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A confesión de Lúcio

Mário de Sá-Carneiro

A confesión de Lúcio (1914) ocupa un lugar de honra na moderna literatura portuguesa. Profundamente subxectiva e lírica, afástase dos modelos realistas e románticos de comezos do século XX, achegándose ás experiencias simbolistas que diluirían as fronteiras entre a prosa e a poesía e a trazos como o sentido estético da vida, o gozo desenfreado dos apetitos sensuais e o tedio existencial. Sá-Carneiro evoca o seus tempos de xuventude no París de 1895, con múltiples referencias ao seu vadiar pola cidade, ao tempo que aborda tres das súas teimas: o suicidio, o amor fóra dos parámetros convencionais e lindeiro coa perversión, e mais a confusa percepción do real, por momentos achegada á loucura. A enigmática caracterización dos personaxes reforza a idea da fragmentación do suxeito, leitmotiv da historia, visible nun conxunto de experiencias próximas ao delirio e ao frenesí sensorial.

Additional Description Ler máis

A obra foi concibida cos códigos da novela fantástica, onde a trama xira arredor dun triángulo amoroso e do seu fatídico desenlace. O narrador, Lúcio Vaz, reafirma dende as páxinas iniciais a súa condición de cronista duns feitos inverosímiles. A confesión de Lúcio é unha obra aberta á interpretación, pois afonda en universos tan ambiguos e enigmáticos como o dandismo a xeito de actitude que repudia o sistema de valores da sociedade burguesa; a androxinia, un sofisticado homoerotismo, se cadra mesmo o travestismo, como reflexo dunha complexa sexualidade.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-4-0

Mário de Sá-Carneiro
Traducido do portugués por Benxamín Constante
112 páxinas

9,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

Micromegas

Voltaire

Micromegas, publicado en 1752 e escrito durante a estadía de Voltaire en Prusia, ademais dun conto filosófico, supón un dos primeiros achegamentos á ciencia ficción dentro da temática das viaxes extraordinarias. Narra a visita á Terra dun ser procedente dun planeta da estrela Sirius, e dun seu compañeiro de Saturno. Comezando polo título, o autor analiza o relativismo das proporcións e deita a idea de que cada ser do universo non é máis ca unha tensión entre o pequeno e o grande. Así, Micromegas é un sabio de espírito crítico movido por unha insaciable curiosidade e pola ambición de comprender de maneira xusta e lúcida a vida. Voltaire agóchase tras o seu personaxe para ciscar as súas críticas contra a relixión e os sistemas social, moral e filosófico, sen esquecer o aspecto científico propio dos enciclopedistas.

Additional Description Ler máis

Así, os dous viaxeiros continuarán a súa ruta interestelar non sen antes deixar na Terra un libro coas páxinas en branco, agasallo que pon de relevo que o home debe evitar a tentación de buscar a verdade absoluta, pois a razón do mundo escapa á intelixencia humana. Malia non ser descubertas de maneira oficial até 1877, Voltaire menciona neste texto as dúas lúas de Marte, o cal foi tido en conta á hora de nomear un dos maiores cráteres de Deimos, o Voltaire. Outro deles, dito sexa de paso, leva o nome doutro grande escritor, Swift.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-1-9

Voltaire
Traducido do francés por Marie Abraira
48 páxinas

6,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...

A lente de diamante

Fitz-James O'Brien

A lente de diamante é unha obra de fantasía cargada de amor pola ciencia; así se explica que, para a súa elaboración, o escritor Fitz-James O'Brien tivese que se documentar a eito, un feito que é posible constatar nas diversas alusións a múltiples personaxes e invencións da época. Para esta historia, o autor atreveuse a especular, dun xeito tan atractivo coma delirante, sobre o descoñecido mundo microscópico e os seres minúsculos que nel habitarían. Fíxoo con sutileza, bosquexando unha trama que avanza con fluidez e gracilidade, mesmo nas pasaxes que na teoría poderían resultar as máis complexas, é dicir, nas de corte psicolóxico.

Additional Description Ler máis

A capacidade, mesmo poética, do autor irlandés para crear atmosferas torna evidente neste longo relato nimbado de inquietude e desconcerto. O lector gozará con este texto pre-cursor da ciencia ficción e do surrealismo, publicado orixi-nalmente pola revista norteamericana The Atlantic Monthly en 1858, e que na actualidade está considerado a obra cumio de O'Brien.

ESPECIFICACIÓNS

20 x 13.5cm
Lingua galega
Vólvense os paxaros contra as escopetas
978-84-942005-3-3

Fitz-James O'Brien
Traducido do inglés por Alejandro Tobar
52 páxinas

6,00€

Loading Updating cart...
Loading Updating cart...